Pasar al contenido principal

O PPdeG presentará en todos os concellos unha moción para instar ao Goberno central á inminente regulación dos informáticos

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, reclamou hoxe, tras reunirse con diferentes colectivos do sector da Informática, unha regulación explícita da Enxeñería e Enxeñería Técnica en Informática, así como a súa consideración en igualdade de condicións que o resto das enxeñerías españolas.

Neste sentido, Feijóo anunciou que o PPdeG presentará en todos os concellos galegos unha moción para instar ao Goberno central á inminente regulación da profesión. ‘É hora -dixo- de que o Goberno remate coas falsas promesas e deixe de marear a un colectivo de 200.000 persoas, máis de 10.000, galegos, que simplemente reclaman o mesmo trato que o resto das enxeñerías'.

Diante do desenvolvemento destas TIC, para o presidente do PPdeG faise necesario un marco regulador da súa actividade e da formación e cualificación necesaria para levar a cabo certas tarefas. ‘Débese buscar -explicou- unha regulación porque estamos a falar de profesionais que desenvolven actividades como peritaxes informáticos, auditor de datos, responsable de seguridade de datos...; non cabe dúbida de que a ausencia desta regulación explícita deixa a porta aberta a que a falla de profesionalidade chegue a causar graves prexuízos á sociedade como nos mostran a miúdo os medios de comunicación'.

Feijóo lembrou que na Unión Europea, hai un rexistro no que cada país inclúe as súas profesións reguladas, ‘e no que atinxe á Enxeñería Informática -matizou-, na UE se atopa regulada en países como Alemaña, Francia, Italia, Grecia, Islandia, Liechtenstein, Reino Unido e Portugal'.

Así mesmo, Feijóo lembrou que o Senado aprobou por unanimidade, o pasado 12 de novembro, a instancias do Grupo Popular, unha moción para que se incorpore tras un breve período de tempo as titulacións do ámbito da Enxeñería en Informática na discusión do conxunto das enxeñerías e estudiar, respectando a lexislación e normativa vixentes, as posibilidades de definir solucións transitorias para que a Enxeñería e Enxeñería Técnica en Informática teña o mesmo trato que o resto das enxeñerías ata o desenvolvemento lexislativo da regulación de profesións no marco de trasposición da Directiva Europea de Servizos.