Pasar al contenido principal

Isaac Ramiro Freire, de Teo, gaña o concurso de postais de Nadal do CPEIG

Postal de Nadal 2023

O debuxo deste rapaz de 11 anos será a postal institucional coa que o Colexio felicitará as festas

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) fallou o duodécimo Concurso de Postais de Nadal 2023. O xurado do certame acordou, por unanimidade, elixir como postal oficial do CPEIG o debuxo de Isaac Ramiro Freire, que participou na categoría A dirixida a nenos en nenas de entre 3 e 12 anos.  

A postal de Isaac, un rapaz de 11 anos de Teo, foi presentada polo seu pai, o colexiado Federico R. Ramiro González. O debuxo é un pingüín ataviado cun sombreiro de Papá Noel que vai sobre unha alfombra, decorada cun deseño de ceros e uns, por riba da neve e cun letreiro de Bo Nadal. De agasallo o rapaz recibirá unha tablet.

O traballo de Isaac será a postal oficial coa que o CPEIG felicitará as festas do Nadal este ano, acompañada da lenda: Cos nosos desexos de paz e prosperidade, a Xunta de Goberno do CPEIG deséxalle Bo Nadal e Feliz Ano 2024.

A categoría B do certame, para rapaces de entre 13 e 18 anos, quedou deserta.