Pasar al contenido principal

O CPEIG aconsella mercar por internet con seguridade no Black Friday, aplicando o sentido común, fuxindo de ofertas demasiado atractivas e usando webs de confianza

Black Friday

O 90% dos ciberataques que se producen actualmente son froito do phishing, estafa coa que os ciberdelincuentes rouban o nome de usuario e o contrasinal

Cunha previsión de aumento das compras online a causa da covid-19, o Colexio ofrece unha listaxe de recomendacións, como usar tarxetas prepago e minimizar a aportación de datos persoais

Este ano, se cabe máis ca outros, proliferan as compras online por aportar máis seguridade para os cidadáns nesta situación de pandemia mundial provocada pola covid-19. Co Black Friday (“Venres negro”) que se celebrará o vindeiro 27 de novembro inaugúranse por tradición estadounidense as compras de Nadal. Como complemento a esta data existe tamén o “Ciberluns” (luns 30 de novembro), coñecido internacionalmente como Cyber Monday e dedicado ás compras por internet. 

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) explica que o e-commerce ou comercio electrónico é un sistema de compravenda de produtos e servizos que está cada vez máis de moda e suma adeptos día tras día. Segundo o informe “La Sociedad Digital en España 2019” da Fundación Telefónica, Galicia rexistrou un forte incrementoi en relación ao comercio electrónico, alcanzando un 39,2 % en 2019.

Segundo o CPEIG, en moitas ocasións, saturados polas présas do día a día, os compradores non se paran a pensar no fácil que o teñen os ciberdelincuentes nestas datas para roubar os datos o estafar. O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, sinala que cada vez se compra máis por internet, onde hai gran variedade de opcións, multiplicándose o número de transaccións. Asegura que “si é seguro mercar de forma online”, aínda que indica que tamén hai que ter en conta unha serie de riscos, sen conscientes deles e tomar as pautas de seguridade necesarias. “O máis sinxelo é aplicar o sentido común, desconfiar das gangas e produtos milagrosos, mercar en webs de confianza nas que o vendedor estea identificado cos seus datos de contacto por se é preciso contactar por dúbidas ou devolución do produto” –explica Fernando Suárez–. 

Ademais, nestes días de gran volume de compras online unha das principais ciberameazas da actualidade é o  phishing, un tipo de estafa coa que os ciberdelincuentes rouban o nome de usuario e o contrasinal. O CPEIG sinala que para levar a cabo esta ciberdelito, os atacantes envían un correo electrónico -que simula provir dunha marca ou tenda  coñecida- no que se inclúe un enlace a un portal falso e solicitan os datos do usuario, cunha mensaxe similar á seguinte: Houbo un problema con seu pedido. Inicie sesión na súa conta e confirme os detalles do seu pago. 

Para protexerse contra un ataque de phishing, en lugar de facer clic no enlace do correo electrónico, o CPEIG explica que o consumidor debe ir directamente ao sitio web da marca real e iniciar sesión aí. “O phishing é o punto de partida do 90% de ciberataques que se producen actualmente” –engade Suárez–. De igual forma, funcionan as estafas BEC (Business Email Compromise) que usan técnicas sinxelas de enxeñaría social para enganar aos usuarios.

Por todo, o Colexio ofrece unha serie de consellos para axudar e previr á poboación:
•    Nunca deben realizarse compras por internet conectado a unha rede wifi pública.
•    Hai que asegurarse de que se visitan webs seguras, comprobando que na parte superior apareza o cadeado de SSL
•    A privacidade é fundamental polo que é importante que xamais se revele a información persoal (nº de tarxeta, dirección…) por email ou teléfono.
•    Utiliza unha tarxeta só para compras por internet, unha boa opción é ter unha de prepago, a cal se utilice só para eses fins. Mesmo moitas entidades bancarias ofrecen tarxetas virtuais para este tipo de compras.
•    Memoriza o código CCV e bórrao da túa tarxeta, en caso de que se extravíe non poderán realizar compras por internet.
•    Escribe a URL da web na barra de direccións en lugar de entrar a través dun enlace. Desta forma evitarase a desviación a posibles webs fraudulentas.
•    Utiliza un email específico para compras online, desta forma evitaranse correos que teñan virus.
•    Mantén o equipo actualizado e utilizar un antivirus.
•    Comproba a política de devolucións da tenda online na que se realizan as transaccións.
•    Garda os tickets das compras realizadas.
•    Minimiza os datos persoais a aportar.
•    Como último consello: Utiliza o sentido común. Desconfía de gangas e ofertas incribles.

“A pesar de todas estas medidas de seguridade, hai moitos compradores que aínda caen nas redes dos ciberdelincuentes que utilizan a enxeñaría social e buscan o punto fraco do comprador, xeralmente con ofertas moi atractivas ao alcance da súa man cun só click” –precisa o presidente–.