Pasar al contenido principal

Celebración da undécima edición do Día das Rapazas nas TIC 2023

Superordenador Finisterrae III

A undécima edición do “Día Internacional das Rapazas nas TIC 2023” (International Girls in ICT Day) celebrouse o 27 de abril nunha completa xornada organizada pola Secretaria Xeral de Igualdade, o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), dependente da Axencia Galega da Innovación (Gain) da Xunta de Galicia, e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). O acto foi inaugurado polo director do Cesga, Lois Orosa, e contou coa intervención da conselleira de Promoción de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana.

Unha multiconferencia con expertas foi retransmitida en directo a través de Internet para máis de 650 estudantes de 23 centros escolares de toda Galicia. Participaron catro profesionais galegas que contaron, dun xeito ameno e polo miúdo, a súa traxectoria, no que traballan, e o que a tecnoloxía pode aportar en diversos campos para mellorar a vida de todas e todos. Participaron na mesa redonda, moderada pola coordinadora da área e-learning do Cesga, María José Rodríguez Malmierca, catro destacadas tecnólogas galegas que traballan e investigan en ámbitos relacionadas coas novas tecnoloxías, desde perspectivas moi distintas: a doutora en Física de Sistemas Complexos e coordinadora dun grupo de computación cuántica no CESGA, Mariamo Mussa Juane; a xefa de Innovación no Entorno Dixital da CRTVG, Esther Medina; a licenciada en Intelixencia Artificial pola Universidade de Manchester, Alba Meijide; e a enxeñeira en Telecomunicacións, Carmela Troncoso. Desde os centros escolares, as rapazas e rapaces enviaron as súas preguntas e inquedanzas para poder ter ese diálogo directo coas tecnólogas invitadas. Tamén, de forma presencial e ao remate do coloquio, un grupo de estudantes de primaria visitaron o novo superordenador Finis Terrae III e participaron nun obradoiro tecnolóxico.