Pasar al contenido principal

Cine e videoxogos para conmemorar os 15 anos do Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia

15 aniversario CPEIG

O presidente, Fernando Suárez, fixo balance dos tres lustros de historia nos que o Colexio “conseguiu erixirse como protagonista na sociedade da información en Galicia”

Medio centenar de colexiadas e colexiados e as súas familias reuníronse nunha sala de Cinesa no centro comercial As Cancelas de Santiago para festexar e soprar as velas 

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) conmemorou o pasado 17 de decembro o seu 15 aniversario cunha xornada festiva na que participaron medio centenar de colexiadas e colexiados e as súas familias. O encontro tivo lugar nunha das salas de Cinesa no centro comercial As Cancelas de Santiago.

Fernando Suárez fixo balance destes últimos quince anos, tan importantes para a profesión e, por suposto, para o propio CPEIG. Comezou lembrando fitos fundamentais para a evolución tecnolóxica deste século XXI, como a aparición do iphone en 2007, “unhas das innovacións que cambiaron a sociedade, xa que pouca xente se podería imaxinar nese momento que, a día de hoxe, practicamente todos teriamos un ordenador no peto con toda a variedade de servizos que nos proporciona”.

Xusto nese mesmo ano, no mes de decembro, Fernando Suárez lembrou que se constituíu o CPEIG, entidade que nos seus tres primeiros lustros “conseguiu erixirse como protagonista na sociedade da información en Galicia”, sendo voz e opinión autorizada ante administracións públicas, universidades, empresas e medios de comunicación.

“Galicia demostra estar á vangarda da tecnoloxía, cun sector empresarial forte e dinámico liderado polo Clúster TIC, do que o CPEIG é membro fundador; unha administración á cabeza da implantación de servizos dixitais, coa que colaboramos asiduamente e con éxitos como a consecución da sede da Agencia Española de Supervisión de Inteligencia Artificial (AESIA) na nosa comunidade, tamén apoiada polo CPEIG; e con títulos de informática nas tres universidades galegas, liderado que se demostra tamén a nivel colexial na actual presidencia do colexio” –resumiu–.

Por suposto, Fernando Suárez asegurou que todo o labor desenvolto neste tempo non sería posible sen as xuntas de goberno que formaron parte deste camiño. “Se un quere ir rápido, debe camiñar só, pero se quere chegar lonxe, debe camiñar acompañado. E non puiden ter mellores compañeiros de camiño, repletos de  ilusión e talento, que tal vez sexan as dúas maiores calidades para acometer calquera reto”, asegurou o presidente que tamén quixo incluír nesta aventura a todos as colexiadas e colexiados “que son o noso motor, a nosa forza e a nosa enerxía”.

“Juegos de guerra”, un thriller clásico de ciencia ficción do anos 80

Nesta xornada, dedicada especialmente a todos os colexiados, proxectouse un vídeo sobre os principais fitos do CPEIG nestes anos, como as catorce edicións da Noite da Enxeñaría Informática de Galicia, evento anual no que se reúne ao músculo empresarial tecnolóxico da comunidade e aos representantes das administracións, e onde se fai entrega dos premios anuais da profesión para mostrar á sociedade o traballo desenvolto por enxeñeiros en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC. Neste emotivo vídeo tamén se recolleron outros momentos e actividades do CPEIG, como o karting e a excursión pola ría de Vigo con colexiados; a concesión dun Premio da Agencia Española de Protección de Datos ao programa Navega con Rumbo que o Colexio ten en marcha coa Consellería de Cultura, Educación, Formación profesional e Universidades para promover o uso responsable das novas tecnoloxías entre os escolares; ou mesmo o tributo que se fixo este ano á estadounidense Margaret Hamilton, primeira enxeñeira de software da historia, con motivo do Día da Muller.

A continuación, os asistentes puideron ver a película “Juegos de guerra” (War Games), un clásico da informática dirixido en 1983 por John Badham e protagonizado por Matthew Broderick, Dabney Coleman, John Wood, Ally Sheedy e  Barry Corbin, entre outros actores do reparto. Este thriller de ciencia ficción conta a intrépida historia de David, un experto informático capaz de saltarse os máis avanzados sistemas de seguridade e de descifrar os máis herméticos códigos secretos. Pero o seu xogo comeza a complicase cando  involuntariamente conecta o seu ordenador ao do Departamento de Defensa americano, encargado do sistema de defensa nuclear. Así, desencadea unha situación de perigo dificilmente controlable. Coa axuda da súa noiva e doutro informático intentará, nunha carreira contrarreloxo, evitar a Terceira Guerra Mundial. Recibiu tres nominacións aos Óscar e o Premio BAFTA ao mellor Son. 

Ademais, os máis pequenos puideron desfrutar dunha mañá de videoxogos cos seus pais e nais, compartindo xogos da PlayStation, por exemplo, algún clásico como o Street Fighter. E finalmente, para culminar esta xornada tan divertida e familiar, a xunta de goberno do CPEIG, arroupada por todos os asistentes, soprou as velas dos 15 anos do Colexio nunha  torta xigante.