Pasar al contenido principal

O CPEIG e a Amtega inician un curso de coñecementos avanzados sobre administración dixital para empregados públicos, co fin de achegar as organizacións públicas ao cidadán

Amutio no curso

Miguel Ángel Amutio, director da División de Planificación y Coordinación de Ciberseguridad do Ministerio de Política Territorial y Función Pública: “La digitalización es una oportunidad de transformación que va más allá de lo estrictamente tecnológico y es ineludible y es clave para el proceso de reconstrucción económica y la plena integración en la economía digital”

Inauguraron o 14 de setembro a décimo primeira edición do Curso Superior de Administración Electrónica que se impartirá ata o 26 de outubro na EGAP

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) inauguraron o 14 de setembro a décimo primeira edición do “Curso Superior de Administración Electrónica 2021”. O acto celebrouse no salón de actos da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) de Santiago de Compostela, presidido pola directora da Amtega, Mar Pereira; a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos; e o presidente do CPEIG, Fernando Suárez. 

A Lei 39/2015 do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas sinala que  unha Administración sen papel, baseada nun funcionamento integramente electrónico, non só serve aos principios de eficacia e eficiencia, ao aforrar custos a cidadáns e empresas, senón que tamén reforza as garantías e ofrece transparencia. No momento actual, marcado pala pandemia da covid-19, Fernando Suárez sinalou que a informática permitiu soster a educación, a economía, as relacións persoais, e por suposto o funcionamento da Administración Pública, “unha importante lección coa que se demostra que a dixitalización permítenos achegar as organizacións públicas ao cidadán”.

Para reforzar esta idea, o presidente do CPEIG analizou os obxectivos da Axenda España Dixital 2025, centrada no impulso da transformación dixital que axudará ao desenvolvemento do Estado, co despregamento do 5G, o reforzo da ciberseguridade, a dixitalización das administracións públicas e das empresas, o desenvolvemento da economía do dato, a Intelixencia Artificial e os dereitos dixitais da cidadanía, entre outros. “Esta axenda marca que en 2025, o 50% dos servizos públicos estarán dispoñibles en app móbil e simplificarase a relación da cidadanía e empresas coas administracións” –asegurou–. Tamén España Dixital 2025 tentará pechar as fendas dixitais (socioeconómicas, de xénero, xeracionais, territoriais ou ambientais), que Suárez manifestou que se acentuaron aínda máis durante a pandemia. “Preténdese conseguir que en 2025 o 80% das persoas teñan competencias dixitais básicas, a metade delas mulleres” –indicou–.

Para alcanzar estes propósitos, Fernando Suárez apuntou que as organizacións públicas deben “cambiar, moverse  e actuar”, tendo como centro da transformación ao cidadán e os servizos que se lle ofrecen. 

Pola súa parte, a directora da Amtega destacou a importancia de avanzar na capacitación dixital do persoal empregado público para adaptarse ao novos escenarios e ao novo modelo de Administración Dixital. Neste sentido, salientou que en 2020 realizáronse máis de un millón de presentacións electrónicas a través da sede, o que supuxo un incremento de máis do 63% con respecto ao ano anterior.

Mar Pereira lembrou que o 1 de xaneiro de 2022 entrará en vigor o novo Decreto de Competencias Dixitais de Galicia que permitirá desenvolver o Plan de Capacitación Dixital persoal empregado público. Este Plan definirá as competencias dixitais mínimas para poder acceder a un posto na administración.

Os coñecementos e habilidades serán avaliados co Certificado Galego de Competencias Dixitais, que poderán obter todas as persoas de Galicia maiores de 16 anos. As certificacións avaliarán 21 competencias englobadas en 5 áreas de dominio: información e datos; comunicación e colaboración; creación de contido dixital; seguridade e privacidade e solución dos problemas.

Claves da transformación dixital

O director da División de Planificación y Coordinación de Ciberseguridad do Ministerio de Política Territorial y Función Pública, Miguel Ángel Amutio, explicou que a dixitalización é “una oportunidad de transformación que va más allá de lo estrictamente tecnológico y es ineludible”. Destaca que constitúe un elemento absolutamente clave para o proceso de reconstrución económica e a plena integración na economía dixital. 

Amutio sinala que a administración dixital facilita escenarios de servizos con maior orientación ao usuario, máis fáciles de usar, máis accesibles, abertos, inclusivos, participativos e baseados nos datos, á vez que debe atender aos riscos de ciberseguridade pola acentuada dependencia da tecnoloxía.

Na súa presentación, “Presente e futuro da administración electrónica”, tratou as claves da transformación dixital en xeral, e da administración dixital en particular, e como debe enfrontarse tendo presente elementos fundamentais e aspectos transversais e cales son todos eles. Tamén falou de cara onde vai a Unión Europea nesta materia, cales son as áreas nas que pon o foco, así como a situación de España en materia de administración dixital segundo a perspectiva dos pilares fundamentais que permiten comprender o progreso alcanzado e por que é un referente no exterior, a axenda para impulsar esta transformación a través esencialmente do Plan de Digitalización de las Administraciones Públicas 2021 – 2025 e o seu contexto como motor da evolución tecnolóxica do país, e, finalmente que retos e conclusións se poden prever.

Formación transversal

Esta actividade ten como finalidade afondar, desde unha perspectiva técnico- xurídica e cunha importante parte práctica, na concepción da administración electrónica, incidindo na relevancia que ten a súa implantación nas distintas Administracións galegas. A dirección académica está a cargo do presidente do CPEIG, Fernando Suárez. Así, os contidos do programa analizarán desde distintos enfoques a administración dixital para que o alumnado adquira ou perfeccione os seus coñecementos teóricos e prácticos en informática e en dereito.

Este curso superior, que servirá para dar formación a 50 empregados públicos, desenvolverase do 14 de setembro ao 26 de outubro. Cun total de 114 horas lectivas, impartirase na modalidade semipresencial, con 30 horas de prácticas presenciais en Santiago de Compostela os días 14, 21 e 28 de setembro e 5, 19 e 26 de outubro, en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas, e 84 horas de teleformación.