Pasar al contenido principal

Un campamento tecnolóxico reúne un centenar de rapazas de 12 a 18 anos nas tres facultades galegas de informática para desenvolver as súas competencias no eido das TIC

Talleres Mática

Os talleres sobre pensamento computacional, programación móbil, robótica e intelixencia artificial estenderanse ata mércores, tamén vía online

O programa Mática está organizado polo CPEIG e a Amtega 

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), coa colaboración das tres universidasdes galegas, iniciaron hoxe os talleres do programa Mática, destinado a crear unha comunidade de rapazas de entre 12 a 18 anos en Galicia que permita desenvolver as súas competencias no eido das TIC. Mática forma parte das iniciativas previstas no marco do programa Tech Kids, froito do convenio de colaboración asinado polo CPEIG e a Amtega para a posta en marcha de actividades de formación, capacitación e promoción no ámbito das tecnoloxías en Galicia. Os talleres de Mática foron inaugurados hoxe telematicamente polo presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e a directora de Amtega, Mar Pereira.

Segundo explica a vicepresidenta do CPEIG, Susana Ladra, Mática xorde co obxecto de aumentar a presenza de rapazas nos estudos de Enxeñaría en Informática, en parte debido a falta de referentes femininos, o descoñecemento da profesión de enxeñaría informática e a existencia de estereotipos afastados da realidade do sector. “O programa Mática non é só formativo, senón que ten o obxecto de crear unha rede entre todas as rapazas con intereses nas TIC como creadoras e desenvolvedoras de tecnoloxía e as súas aplicacións na sociedade. En particular, permitirá coñecerse a estudantes de puntos moi distantes de Galicia que queiran estudar estas titulacións no futuro, creando lazos de amizade e colaboración” –explica Susana Ladra–.

O primeiro grande evento deste programa é un campamento tecnolóxico que se desenvolve hoxe luns, mañá martes e o mércores 30 de xuño, de forma presencial en tres sedes diferentes en horario de 9:30 a 14:30 horas. Participan un centenar de rapazas na Facultade de Informática da Coruña (FIC) da Universidade da Coruña (UDC), na Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) da Universidade de Santiago (USC) e na Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) de Ourense da Universidade de Vigo (Uvigo), así como de forma telemática para aquelas que non poidan desprazarse. 

As actividades do campamento estarán dirixidas por profesoras e investigadoras das universidades, xunto con estudantes de últimos cursos das titulacións de enxeñaría en informática. Impartiranse talleres de iniciación ao pensamento computacional, programación móbil, robótica e intelixencia artificial, así como charlas con profesionais de recoñecido prestixio ou visitas aos centros de investigación das universidades. Todas as actividades estarán adaptadas á idade das participantes, que estarán dividas en grupos de quince nenas, é dicir, dous grupos dun total de 30 rapazas por sede presencial.

Mática regresará con novas actividades en setembro, polo que se recomenda a todas as rapazas interesadas que estean atentas ao calendario de eventos do programa. Inscricións: https://matica.gal/