Pasar al contenido principal

Enxeñeiras galegas en informática, aeroespacial e de telecomunicacións compartirán a súa experiencia no emprendemento tecnolóxico no Día Internacional das Rapazas nas TIC

Día Rapazas TIC 2021

O CPEIG colabora nesta novena edición, que organiza a Secretaría Xeral de Igualdade e o Cesga o 22 de abril 

Estudantes de toda Galicia están invitados a participar neste evento virtual en directo 

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) colabora xunto á Secretaria Xeral de Igualdade e ao Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) da Xunta de Galicia, na novena convocatoria do “Día Internacional das Rapazas nas TIC” (International Girls in ICT Day). Celebrarase o vindeiro 22 de abril na Plataforma Webinar do Cesga, e será retransmitido en directo a través de Internet de 11 a 12 horas para escolares de toda Galicia. 

Este ano, debido á situación marcada pola pandemia, a actividade organizarase exclusivamente mediante multiconferencia web, na que participarán tanto as protagonistas invitadas como todos os centros interesados de primaria e secundaria. Será unha gran oportunidade para coñecer a tecnólogas galegas que contarán, en primeira persoa, o que a tecnoloxía pode aportar en diversos campos científicos e laborais para mellorar a vida da cidadanía. O alumnado terá a oportunidade de preguntar e consultar calquera dúbida sobre o seu traballo. Participarán catro mulleres excepcionais que traballan e investigan en ámbitos relacionadas coas novas tecnoloxías, desde perspectivas moi distintas:

- Beatriz Paz Santalla é enxeñeira de Telecomunicacións pola Universidade de Vigo, Máster en Seguridade da Información e Administración de Empresas, e co-fundadora da empresa GDI, empresa galega pioneira en ofrecer solucións de videoconferencia, telepresencia e mobilidade. 

- Ana Freire é enxeñeira e doutora en Informática pola Universidade da Coruña. Actualmente é investigadora e docente na Universitat Pompeu Fabra (Barcelona), onde traballa aplicando a Intelixencia Artificial a diversas necesidades sociais como a saúde mental. É directora do Centro de Estudos de Sostibilidade da mesma universidade e lidera Wisibilízalas, un concurso internacional para romper estereotipos de xénero asociados a estudos científico-tecnolóxicos. Recibiu numerosos recoñecementos polo impacto social da súa investigación, entre os que destaca o Premio ao Talento Xove Feminino Investigador, outorgado pola Fundación Real Academia das Ciencias e o premio Ada Byron, outorgado pola Universidad de Deusto. 

- Úrsula Martínez Álvarez é enxeñaría Aeroespacial, e está finalizando o Máster en Enxeñaría Areonáutica, especializada en vehículos espaciais. O seu traballo céntrase en proxectos sobre deseño, fabricación e ensaio de sistemas e experimentos no espazo. Desde fai once anos, forma parte do proxecto de educación ambiental Climántica.

- Verónica Bolón Canedo é doutora en Informática pola Univiersidade da Coruña, e investigadora centrada en Intelixencia Artificial, especialmente en aprendizaxe automática para Big Data. É responsable do nodo INSPIRA STEAM na Coruña.  

Inscrición para a participación dos centros escolares

O Día Internacional das Rapazas nas TIC é unha efeméride de ámbito internacional para motivar ás novas xeracións de mozos e mozos a considerar as TIC para o desenvolvemento académico, investigador e profesional.  O evento conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega),  Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas de Galicia (AMIT-GAL), Asociación.GAL, Facultade de Ciencias da Educación, Woman Emprende e Oficina de Igualdade da Universidade de Santiago, Facultade de Informática da Universidade da Coruña (UDC), Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións da Universidade de Vigo (UVigo) e grupos de mulleres tecnólogas en Galicia como GalsTech e Hello Sisters!

Para participar neste coloquio en directo, os centros interesados deberán inscribirse mediante un formulario dispoñible na web www.ictgogirls.eu. A información do evento e das actividades está actualizada nesta mesma páxina ou no Facebook e Twitter @ICTGoGirls.

Desde 2012, o Cesga coordina o Proxecto Europeo “ICT-Go-Girls!, Promoting Entrepreneurship among secondary School Girls through ICT” (Promoción do emprendemento das rapazas de secundaria a través das TIC), que deseñou e testou unha metodoloxía innovadora para loitar contra a escaseza de vocacións tecnolóxicas entre as rapazas europeas. Esta acción foi completada coa iniciativa galega “Rapazas Emprendedoras Nas TIC” na que colabora o Colexio Profesional de Enxeñería informática (CPEIG) no marco do Plan Proxecta da Consellería de Educación, baixo a coordinación da Secretaría Xeral de Igualdade, dirixida ás rapazas de primeiros anos de secundaria.