Pasar al contenido principal

Informático: traballador sen profesión recoñecida

Sentada durante a manifestación do 17M

Que a estas alturas da película haxa actividades vinculadas coa sociedade da información e o coñecemento que deben loitar por acadar un estatus laboral, resulta denigrante. Máis se temos en conta que os mesmos que defenden o tránsito da era do ladrillo a outra con base nas novas tecnoloxías prefiren antes regular oficios como o de mestre falleiro.

As mesmas persoas que defenden o tránsito do ladrillo á sociedade do coñecemento están pondo trabas ó proceso, ó negarlle a un dos seus actores protagonistas, os enxeñeiros informáticos, o status profesional. O mesmo que, sorpréndanse, tramitan para os mestres falleiros, unha saída laboral moi digna en Levante, e máis hai unha semana ardeu Valencia coa cremá das Fallas. ¿Estamos na España da pandeireita, ou pretendemos avanzar cara á das novas tecnoloxías? Na opinión de Fernando Suárez Lorenzo, presidente do Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia (Cpeig), este é un "agravio comparativo máis" para o seu colectivo, incapaz a pesar de arduos esforzos de regular a súa profesión. Só na autonomía, cífranos en dez mil os estudantes e licenciados que escolleron esta actividade, dos 95.000 alumnos e uns 120.000 titulados españois.

Mentres o Goberno socialista evita esta problemática, alegando que a informática é unha disciplina transversal que non convén regular, o PSOE presenta no Congreso en Madrid unha proposición non de lei para regular a profesión dos artistas falleiros e os foguerer dentro da FP.

Para os informáticos é imprescindible, e máis nestes tempos de crise, "apostar polas TIC, o que redundaría en maior seguridade e contribuiría a paliar a mala situación económica".

Mentres, a "única titulación que garante a calidade dos proxectos informáticos" segue orfa profesionalmente. Así, non hai ninguén que responda ao final do proceso de que calquera aplicación, programa ou utilidade cumpre cos estándares de calidade exixibles.

Sobre se esta actividade está ben paga, o último estudo da consultora Vitae con base en 120 procesos de selección que culminaron o ano pasado con contrato laboral indefinido en Galicia levanta receos entre o colectivo informático galego. O informe, avalado por Eganet e a Consellería de Innovación, presenta salarios que se afastan un tanto dos datos que baralla o Colexio: os seus niveis salariais, sitúanse na banda dos 18.000 a 30.000 euros en máis da metade dos casos. Só un 10% dos traballadores do sector superarían a cota dos 40.000 euros.

Feijóo prometeulles un alto cargo especialista no ramo

Tan nova, tan nova é a titulación de Enxeñería Informática, que faltan interlocutores políticos. Non acadaron, aínda, postos de órdago nas administracións. Pero os tempos son chegados. O futuro presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reuniuse co sector antes de entrar en campaña e deixou dúas mensaxes claras: primeiro, que está a favor e apostará pola regulación da profesión, e segundo, que no seu Gabinete haberá algún alto cargo enxeñeiro do ramo.  Así nolo confirmou Fernando Suárez Lorenzo, presidente do Cpeig. A falta de consideración profesional ós empregados do sector é un cancro na sociedade TIC. A cúpula das empresas está vetada ós enxeñeiros informáticos, o que se traduce nunha desidia cara ás vantaxes que o aproveitamento das TIC pode carrexar na mellora da produtividade e a competitividade dunha compañía. "Hai que sacar á luz a importancia dos enxeñeiros informáticos", recalca Suárez Lorenzo.

Aínda por riba, a alta demanda laboral de profesionais das TIC non se ve reflectida nas matriculacións en carreiras vinculadas á informática. ¿A que obedece? Segundo Suárez Lorenzo, ó baixo tirón das carreiras técnicas, que "requiren un grande esforzo", súmase á "baixa consideración e recoñecemento social cara ós informáticos".

É máis, en case ningunha empresa, os profesionais do sector poden presumir de subir na escala, o que xera un perigoso cóctel que leva á fuga de cerebros: nivel salarial baixo, grao de responsabilidade nulo e ascenso imposible, non recoñecer a formación e capacidade, conxúganse para que "os nosos profesionais miren cara a fóra, sexan captados por multinacionais con presenza en Galicia, ou vaian traballar a Madrid ou Barcelona", onde as condicións son mellores. Porque o nivel de formación dos especialistas en informática que saen das tres universidades galegas conta con aval internacional. Cada ano, preto de 400 novos titulados, insuficientes para darlle cobertura á propia demanda galega, saen dos centros de Galicia... e boa parte acaban fóra da comunidade autónoma.

Os salarios 

 

O programador

Para un programador que comece, o salario sitúase na banda dos 12.000 ós 18.000 euros brutos/ano; dun bienio de experiencia a catro anos, pode subir a 24.000. Un senior, ata oito anos, acada os 32.000. Os poucos que van máis aló, 36.000.

Técnico de sistemas

Como moito, o encargado de software e hardware, amén de manter e instalar servidores e outros sistemas (e ocuparse de que funcionen) pode chegar a cobrar un máximo de 24.000 euros en Galicia. Se está empezando, non pasa dos 15.000.

Consultor TI

Chave no mundo das tecnoloxías da información, estes consultores, que estudan as necesidades TIC dos clientes, deben ter máis de catro anos de experiencia, polo que cobrarán entre 30.000 e un máximo de 42.000, se levan máis de oito exercicios.

Os do telemárketing

Pouco perciben. A xornada completa, e atendendo centos de chamadas diarias, nos seus comezos non pasan dos 12.000 euros por ano. Despois de catro, poden chegar, como moito, á cota dos vinte mil.

Recepcionista

Xa que logo, as empresas TIC tamén os necesitan. Pero non os teñen demasiado ben tratados. De 8.400 a 12.600 entre cero e dous anos de experiencia, que chegarán a 18.000 se chegan a aguantar máis dun cuadrienio.