Pasar al contenido principal

O certame de programación universitaria AdaByron celebrarase este venres na Facultade de Informática da UDC, na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC e na Escola Superior de Enxeñaría Informática da UVIGO

Concurso Ada Byron

A proba está organizada polo CPEIG, o CITIC e as tres universidades galegas, ademais de contar nesta terceira edición co patrocinio de máis dunha ducia de empresas tecnolóxicas

A terceira edición do certame Ada Byron celebrarase este venres, 12 de abril. A proba busca aos mellores equipos universitarios de programación competitiva entre os tres centros do Sistema Universitario Galego que ofertan Grados en Enxeñaría Informática: Facultade de Informática da UDC na Coruña, Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC en Santiago, e Escola Superior de Enxeñaría Informática da UVIGO no Campus de Ourense. Está patrocinada por máis dunha ducia de empresas tecnolóxicas: Apser, AWS, Clúster TIC Galicia, Denodo, Dinahosting, DXC Technology, PuntoGAL,  GDI, Mindata, Minsailt, NTTData, Oracle, Sixtema e Veritas.

Nesta competición, organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) e as tres universidades galegas, equipos de tres estudantes que cursen calquera dos grados que se imparten nos centros organizadores competirán durante catro horas tentando resolver entre oito e doce problemas, de maior ou menor complexidade. 

A proba terá lugar este venres, 12 de abril, en horario de tarde nos tres centros universitarios galegos. Os mellores clasificados representarán a Galicia na X edición do Concurso Nacional que se celebrará a comezos de xullo na Facultade de Informática da Universidad Complutense de Madrid. 

AdaByron é un concurso que nace na Universidad de Madrid e que desde 2022 está aberto a outras comunidades. Nesta competición mídense as habilidades e destrezas de programación dos estudantes universitarios. A proba é a antesala do certame internacional de programación ICPC (International Collegiate Programming Contest) no que equipos de tres participantes, representando a súa universidade, traballan para resolver “os problemas máis reais, fomentando a colaboración, creatividade, innovación e a capacidade de actuar baixo presión”.

O concurso leva o nome de Ada Byron, tamén coñecida como Ada Lovelace, matemática e escritora británica do século XIX, célebre polo seu traballo acerca da computadora mecánica. Para máis información pódese consultar a páxina web: https://ada-byron.es/2024/reg/galicia/