VI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia

Logotipo da VI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia

Presentación

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) constituiuse en decembro de 2007 como corporación de dereito público e de carácter profesional con personalidade xurídica propia que se rexe pola normativa vixente na materia e polos seus estatutos.

Cunha estrutura interna democrática e independente das administracións públicas, o colexio agrupa obrigatoriamente a todas as persoas que, tendo o título oficial de Enxeñaría en Informática ou Licenciatura en Informática, desenvolvan actividades propias da profesión en Galicia.

Na actualidade o CPEIG suma preto de 350 colexiadas e colexiados.

O galardón como recoñecemento

Por sexto ano consecutivo, o colexio outorgará os seus premios dentro da VI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia. A través de distintas categorías, as colexiadas e colexiados recoñecerán aquelas iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da Enxeñaría en Informática:

  • Premio Proxecto Fin de Carreira: Adrián Pérez Diéguez polo proxecto Programación de Algoritmos de Redución nunha GPU.
  • Premio Iniciativa da Administración: Axencia Galega de Innovación,  polo fomento da investigación e do desenvolvemento tecnolóxico.
  • Premio Iniciativa Emprendedora: Torusware.
    Torus Software Solutions (Torusware) é unha spin-off  da Universidade da Coruña. Naceu para a comercialización dun conxunto de tecnoloxías desenvolvidas polo Grupo de Investigación de Arquitectura de Informática nos últimos 10 anos.
  • Premio Ada Byron: Bertha Guijarro Berdiñas, vicecoordinadora-responsable científica do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña.
  • Premio Iniciativa Empresarial: Igalia.
    Igalia naceu da man de dez enxeñeiros en Informática co obxectivo de crear unha empresa baseada na cooperación, a innovación, a responsabilidade compartida e o software libre.
  • Premio  Traxectoria Profesional: Francisco García Morán.
    Na actualidade é conselleiro xefe en TIC e foi director xeral de Informática da Comisión Europea.
  • Premio e-Inclusión: TADEGa.
    Asociación sen ánimo de lucro constituída por profesionais da educación galega que se centran na atención á diversidade: diversidade funcional, terceira idade, multiculturalidade, o rural, altas capacidades, marxinalidade social, etc.
  • Colexiados de Honra: Domingo Molina e Jacinto Canales.
    Domingo Molina Moscoso, é director de Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) da Administración do Estado. Ademais de ser o responsable do recentemente publicado modelo de Gobernanza TIC, un dos eixos da estratexia dixital do Goberno, é un firme defensor da profesión de Enxeñeiro/a en Informática.
    Jacinto Canales de Caso é presidente do Consello de Colexios de Enxeñaría en Informática, máximo órgano de representación da profesión en España. Participou activamente na creación do tecido asociativo da Enxeñaría en Informática desde o ano 1993.
  • Mención especial para o CESGA polos seus 20 anos de traxectoria.
    O  Centro de Supercomputación de Galicia S.A. (CESGA) púxose en marcha en Santiago de Compostela no ano 1993, froito dun acordo entre a Xunta de Galicia e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

Agás no caso da persoa premiada co galardón ao Proxecto Fin de Carreira, os demais recibirán unha estatuíña sen dotación económica. 

Desenvolvemento do acto

A Sexta Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia terá lugar o vindeiro día 13 de xuño, ás 20.15h, no Hotel Monumento San Francisco, en Santiago de Compostela.

Ao evento están convidados diversas personalidades da Administración Pública e do ámbito universitario, entre outras.

Actuará como presentador do acto Robert Bodegas

Patrocinios e colaboracións

Está previsto que preto de douscentos cincuenta colexiadas e colexiados asistan ao acto.

Para a organización do evento, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia agradece a colaboración das diversas empresas e institucións galegas que operan no eido das novas tecnoloxías.

Co convencemento de que o apoio ao colexio e ás súas actividades representa un pulo á profesión, o CPEIG ofrece a posibilidade de participar na celebración da gala como entidades patrocinadoras ou colaboradoras mediante a formalización dun acordo. 

A colaboración económica terá como contraprestación para a entidade a situación dun representante seu nun lugar destacado durante a cea e a presenza do logotipo en todo o material divulgativo que se realice con motivo do evento, ademais da mención do nome da entidade como patrocinadora nos comunicados de prensa que se lles remitan aos medios de comunicación. As situacións do comensal e da imaxe da entidade patrocinadora serán acordes coa categoría do patrocinio.

Establécense as seguintes categorías de patrocinio:

  • Ouro (3.000 euros). A entidade patrocinadora terá dereito a seis convites individuais para asistir á gala e á entrega dun dos galardóns.

  • Prata (1.500 euros). A entidade patrocinadora terá dereito a catro convites individuais para asistir á gala.

Asistencia ao acto

Para asistir e necesario cubrir o seguinte formulario até o mercores 11 de xuño.

O coste da asistencia o evento é o seguinte:

  • Membros colexiadas/os, precolexiadas/os do CPEIG: 20€
  • NON colexiadas/os, precolexiadas/os que acepten compromiso de colexiación ou precolexiación: 20
  • NON colexiadas/os: 200€

Os membros colexiadas/os, precolexiadas/os, e aqueles con compromiso de colexiación ou precolexiación poderán levar un acompañante, sen coste adicional

O procedemento de pago da cota é o seguinte:

  • Membros colexiados/as e precolexiados/as. A cota será cargada polo colexio na conta corrente do/a colexiado/a.

  • Persoas con compromiso de colexiación/precolexiación ou non colexiadas/precolexiadas. A cota de inscrición do curso deberá ingresarse até o 11 de xuño na conta corrente de "la Caixa" 2100-2954-75-0200085712. No concepto do ingreso deberá figurar o DNI e o nome da/do asistente ao evento.

Dado que o aforo do evento é limitado, aplicaranse os seguintes criterios de preferencia:

  • Membros colexiados/as do CPEIG.
  • Persoas NON colexiadas.
  • Data e hora da inscrición.

Aloxamento

O CPEIG tamen ten convenios cos hoteis Puerta del Camino e NH (este último queda moi preto do Hotel Monumento San Francisco).