O 70% dos/a Enxeñeiros/as informáticos/as galegos/as atopan o seu primeiro emprego aos tres meses do remate da carreira

O 94,8% dos/as Enxeñeiros/as en Informática están traballando, case todos/as por conta allea e a tempo completo nunha empresa TIC. O 40% teñen unha percepción boa ou moi boa da súa situación profesional.

Mar Pereira e Fernando Suárez durante o acto de presentación do informe da situación laboralA Secretaria Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, presentou hoxe un estudo sobre a "A Situación Laboral nas Enxeñarías en Informática en Informática de Galicia" que analiza os resultados dunha enquisa realizada entre 551 persoas tituladas en Enxeñaría Informática e Enxeñaría Técnica Informática nas Universidades de Galicia, expoñendo aspectos da súa formación e inserción laboral, a mobilidade, o grao de satisfacción persoal coa profesión e as súas expectativas profesionais.

O estudo, editado pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia, foi elaborado pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) e baixo a coordinación do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), no marco das tarefas encomendadas por este departamento autonómico á Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia.

Os informes de resultados deste estudo son a culminación dun proxecto que permite afondar na situación actual destes profesionais do sector TIC, que desempeñan un importante papel na implantación da sociedade da información en Galicia.

[ descargar informe ]

Perfil sociodemográfico

A caracterización sociodemográfica que ofrece esta investigación revela que as persoas tituladas nas Enxeñarías en Informática de Galicia son xente nova e teñen boas perspectivas para atopar traballo en Galicia. O seu perfil é o dun home, nado e con familiares en Galicia, que reside e desenvolve preferentemente o seu labor profesional en Galicia. O 72,3% das persoas tituladas en Enxeñaría en Informática e o 67,3% das tituladas en Enxeñaría Técnica Informática son homes. Un dato salientable, se temos en conta que hoxe en día as mulleres son maioría entre as persoas que se titulan no Sistema Universitario de Galicia.

Formación

Os titulados nas Enxeñarías en Informática están moi satisfeitos cos estudos realizados e máis dun 77% volverían cursar a mesma titulación. A motivación principal para escoller estas titulacións foi a vocación (resposta maioritaria entre os homes) e as saídas laborais (resposta maioritaria entre as mulleres). As Universidades galegas acadan unha valoración positiva en canto á formación impartida a estes titulados, especialmente no que se refire á formación teórica, e en menor medida a formación práctica e á adecuación entre os coñecementos técnicos e as esixencias profesionais.

Un 11,2% das persoas tituladas na Enxeñaría en Informática e un 7% das tituladas en Enxeñaría Técnica Informática realizaron algún máster. Un 11% do colectivo ten certificación profesional. O principal medio de obtención da formación complementaria non relacionada coa universidade é a empresa onde traballan, sendo a principal razón para realizar dita formación o desenvolvemento ou promoción laboral.

A situación laboral

Os resultados desta investigación indican que o colectivo profesional das Enxeñarías en Informática de Galicia goza dunha situación laboral moi favorable, aproximándose ao pleno emprego. O 94,8% das persoas tituladas en Enxeñaría en Informática e o 86,2% en Enxeñaría Técnica en Informática atópanse traballando, desenvolvendo o seu labor profesional principalmente por conta allea.

Un 81,2% das persoas tituladas en Enxeñaría Informática e un 72,9% en Enxeñaría Técnica Informática atopan o primeiro emprego nos tres primeiros meses do comezo da busca, o que sitúa a ambas titulacións nunha media do 70%. Ao redor do 40% das persoas tituladas en Enxeñaría Informática acceden ao mercado laboral antes de rematar a carreira, traballando en algo relacionado co título estudado. O número medio de empresas nas que traballan ao longo de toda a súa traxectoria profesional é 2,73 no caso da Enxeñaría Informática e 2,85 no caso da Enxeñaría Técnica Informática. As mulleres manifestan unha mobilidade empresarial menor que os homes.

Situación laboral por conta allea

Un 92,9% das enxeñeiras e enxeñeiros en informática traballan por conta allea, porcentaxe que se sitúa nun 82,7% no caso das enxeñeiras e enxeñeiros técnicos en informática. A práctica totalidade destes profesionais que traballan por conta allea, fano en xornada laboral a tempo completo e preferentemente nunha empresa do sector privado pertencente ao sector das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC). Estabilidade laboral
A estabilidade laboral das persoas entrevistadas que traballan por conta allea aparece reflíctese na alta porcentaxe acadada polos contratos indefinidos ou fixos, obtendo que un 80,2% e 74,0% respectivamente, presentan un contrato indefinido ou fixo. O principal exercicio profesional que desempeñan os profesionais destas dúas titulacións é a elaboración de proxectos informáticos representando un 59,0% e un 55,7% do total, respectivamente, coincidindo por xénero nesta afirmación, seguido da dirección de proxectos informáticos (32,9% e 19,6% respectivamente) e a realización de estudos e informes (20,1% e 14,9% respectivamente). As funcións de dirección de proxectos seguen a reservarse para os homes, existindo unha diferenza de máis de 14 puntos porcentuais no caso da Enxeñaría en Informática (36,8% de homes fronte ao 22,2% de mulleres).

Os principais perfís profesionais cos que se identifican as persoas entrevistadas son os de analista de tecnoloxías da información, programador de sistemas informáticos, analista de sistemas informáticos, profesor/docente, director/xestor de proxectos de tecnoloxías da información ou consultor en tecnoloxías da información. A metade das enxeñeiras e enxeñeiros entrevistadas que traballan por conta allea fóra de Galicia gustaríalles traballar na nosa Comunidade nas actuais condicións de mercado, sendo a motivación principal as razóns familiares.

Un 40% dos profesionais das Enxeñarías en Informática que traballan por conta allea en Galicia gustaríalles traballar noutra comunidade no caso de atopar unha oferta do seu interese, sendo a motivación principal ascender profesional e economicamente. O perfil dun titulado nas Enxeñarías en Informática que traballa no sector público é o dun traballador da administración autonómica, relacionado coa educación (profesor de universidade, ensino secundario ou ciclos formativos) e que anteriormente traballaba no sector privado.

No sector privado estes profesionais traballan preferentemente nunha empresa pertencente ao sector TIC. Case a metade traballan nunha consultoría (44,8% e 47,1% respectivamente), desenvolvendo principalmente tarefas técnicas (60,5% e 70,1% respectivamente). O principal sector alleo ás TIC no que traballan é o das finanzas, seguros e actividades inmobiliarias.

Tanto os homes coma as mulleres consideran que no seu posto actual na empresa privada o título está ben considerado dentro do ámbito da empresa. Aproximadamente, tres de cada cinco titulados opinan que a súa liña profesional coincide coas súas expectativas ao inicio do título. Esta afirmación encóntrase afianzada coa súa satisfacción co título estudado.

O tramo salarial bruto anual máis frecuente é entre 18.001 e 30.000 euros brutos anuais, onde están situados practicamente a metade das enxeñeiras e enxeñeiros en informática. O estudo evidencia que aínda existe discriminación salarial por sexo. A evolución favorable da relación salario-idade pon de manifesto a valoración da experiencia laboral nas empresas privadas.

O estudo conclúe que un 40% das persoas tituladas nas Enxeñarías en Informática de Galicia teñen unha percepción boa ou moi boa da súa situación profesional actual e unha de cada tres considera que esta mellorará nun futuro próximo.

O estudo sobre a "A Situación Laboral nas Enxeñarías en Informática de Galicia", forma parte dunha serie de observacións temáticas, realizadas por grupos de expertos en colaboración co Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA).

Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio: www.osimga.org

Colaboración

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica colabora tanto co Colexio Profesional de Enxeñeiros en Informática de Galicia como co Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia promovendo accións que faciliten e impulsen a incorporación de toda a sociedade aos novos recursos tecnolóxicos da información e das comunicacións e a implicación dos cidadáns galegos na utilización das novas tecnoloxías.

Esta cooperación materializarase en dous convenios, un co Colexio Profesional de Enxeñeiros en Informática de Galicia dotado con 70.000 euros e outro co Colexio de Enxeñaría Técnica de Galicia cun importe e 60.000 euros para a realización de actuacións de formación, capacitación e promoción no ámbito das novas tecnoloxías.