O Cluster TIC Galicia asume o compromiso de liderar o novo modelo económico

Facer pública esta vontade de asumir un papel de liderado cara a nova economía de Galicia foi un dos acordos adoptados polo Comité Estratéxico do Cluster TIC Galicia na súa primeira reunión, celebrada en Santiago de Compostela.

O Cluster TIC Galicia, integrado por máis dun centenar de entidades pertencentes ao Foto de grupo do cluster TIC na cidade da culturahipersector das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións, asume o labor de impulsar e liderar o avance da comunidade autónoma cara un novo modelo económico baseado na innovación, a produtividade, o valor engadido e o desenvolvemento sostible. Un modelo asentado no coñecemento que é imprescindible para mellorar a capacidade das empresas galegas de competir nos mercados globais e, deste xeito, crear emprego de calidade e garantir o avance económico e social do país.

O hipersector das TIC representa o 2,15% do PIB de Galicia e emprega a cerca de 14.000 profesionais, cun alto nivel de cualificación. Malia as actuais dificultades económicas, está conseguindo manter a calidade do emprego, cun 85,4% de contratación fixa en 2009, o que representa un incremento respecto ao ano anterior. Segundo un recente estudio da Asociación de Empresas de Electrónica, Tecnologías de la Información y Telecomunicaciones de España (AETIC), as empresas do sector prevén un crecemento do emprego do 4,3% en 2010.

As empresas TIC teñen, ademais, unha capacidade demostrada para a innovación e, pola súa transversalidade, é dicir, a súa competencia para desenvolver tecnoloxía que contribúe á mellora da produtividade en todos os sectores, están en disposición de ser o motor da necesaria renovación do modelo económico.

A chamada fenda dixital é unha realidade que coloca a Galicia nunha situación de desvantaxe fronte ao conxunto de España, a España fronte ao conxunto da UE, e á propia UE fronte aos Estados Unidos, o sueste asiático e Xapón. Malia iso, Galicia debe saber aproveitar as súas fortalezas no ámbito das TIC, como a existencia de centros universitarios de recoñecido prestixio, un tecido industrial consolidado, a presenza de operadores mundiais e redes locais, ou a demostrada capacidade das empresas galegas para desenvolver tecnoloxía punteira e posicionarse como líderes en cambios tecnolóxicos decisivos. O sector conta ademais con entidades de referencia, como o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant) ou a Plataforma Tecnolóxica das TIC Vindeira.

Coordinación e suma de forzas

Sumándose a todo iso, o Cluster TIC asume o compromiso de promover a coordinación de todos os axentes económicos, sociais, profesionais e académicos, e de traballar a carón das administracións para desenvolver sinerxias, impulsar a cooperación entre os Logotipo do Cluster TICdistintos actores, mellorar as vías de financiamento das empresas e facilitar o seu acceso aos mercados. Como entidade representativa do hipersector, o Cluster TIC Galicia traballará para ser parte activa na definición de políticas públicas que incentiven a demanda temperá de tecnoloxía, que impulsen a expansión das redes de nova xeración e o uso da banda ampla, e que favorezan a competitividade das empresas da comunidade autónoma. Todo iso nun marco de apoio ao espírito emprendedor, fomento da iniciativa privada e respecto á libre competencia.

No contexto da globalización, aqueles países que sexan quen de basear a súa economía na innovación, o coñecemento e unha industria de valor engadido serán os que gocen dos maiores niveis de benestar. A clave para o desenvolvemento dese modelo está en impulsar as Tecnoloxías da Información e da Comunicación, e Galicia pode facelo.

Comité de Dirección e foto oficial na Cidade da Cultura de Galicia

Na primeira reunión do Comité Estratéxico acordouse tamén a composición do Comité de Dirección do Cluster TIC Galicia, órgano executivo da entidade, que queda integrado polas seguintes persoas:

Presidente:

  • D. Rafael Valcarce Baiget (Arteixo Telecom, S.A.)

Vicepresidente:

  • D. Antonio Rodríguez del Corral (R Cable y Telecomunicaciones de Galicia, S.A.)

Secretario:

  • D. Jorge Cebreiros Arce (INEO)

Tesoureiro:

  • D. Ricardo Fernández Fernández (Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia)

Vogais:

  • D. Manuel Balseiro López (Coremain, S.L.)
  • D. César Blanco Gómez  Academia Postal 3 Vigo, S.L.)
  • Dna. María Luz Castro Pena  (Factoría de Software e Multimedia -Imaxin-, S.L.)
  • D. Gerardo José García Alvela  (Sistemas Audiovisuales Itelsis, S.L.)
  • Dna. Beatriz Legerén Lago (EGANET)
  • D. Ramón María Lois Santos  (AETIC-Galicia)
  • D. Juan Carlos Suárez Cebreiros  (Level Telecom, S.L.)

Antes da súa reunión oficial, os membros do Comité Estratéxico acudiron á Cidade de Cultura de Galicia co obxecto de realizar a súa foto de familia nas dependencias deste proxecto emblemático. Segundo sinalou Rafael Valcarce, presidente do Cluster TIC Galicia, "a Cidade da Cultura, á marxe doutras connotacións, representa a aposta de Galicia pola excelencia e por estar en primeira liña internacional. Nese sentido, é un proxecto que ten puntos en común co Cluster TIC Galicia, e por iso pensamos que é un marco inmellorable para a imaxe que representa a verdadeira posta en marcha do Cluster".