Membros do CPEIG participarán como relatores no curso superior de Administración electrónica da EGAP

A actividade formativa inaugurarase o día 26 de febreiro na Escola Galega de Administración Pública.

O vindeiro día 26 de febreiro inaugurarase na Escola Galega de Administración Pública Logotipo da escola galega de administracións públicas (EGAP)(EGAP), en Santiago de Compostela, o Curso Superior de Administración Electrónica. Entre os coordinadores da actividade formativa figura Fernando Suárez Lorenzo, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), así como un nutrido grupo de relatores que tamén pertencen ao órgano colexial e mesmo á súa xunta directiva.

Os membros do colexio participarán como relatores nos módulos I e II, dedicados ao Fundamento de Tecnoloxías e Sistemas de Información, e Informática e Dereito, respectivamente. Deste xeito, o colexio achega os seguintes docentes para a impartición do curso: Juan Otero Pombo, Jesús Rodríguez Castro, Antón Campos Silva, Juan Antonio Valiño García, Miguel Ángel Molinero Álvarez, á parte do xa mencionado Suárez Lorenzo.

O Curso Superior de Administración Electrónica desenvolverase na EGAP os martes e xoves, das 17.00 ás 20.00 horas, ata o 15 de xullo. Precisamente mañá venres, día 19, remata o prazo de inscrición para poder asistir á actividade. As persoas interesadas poden achar máis información na seguinte ligazón: http://egap.xunta.es/admonElectronica.