A Xunta crea o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia

O Consello da Xunta aprobou hoxe o decreto polo que se crea e regula o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia.

O decreto regula o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia como Observatorio da sociedade da informacionórgano encargado de avaliar a incorporación das novas tecnoloxías á sociedade e o desenvolvemento da Administración electrónica. Esta nova entidade é o resultado da integración do Observatorio Galego da Sociedade da Información co Observatorio da Calidade e da eAdministración de Galicia, que atendían ámbitos cada vez máis próximos, facendo necesaria unha actuación máis eficiente que evitase a superposición de ambas as actuacións.

Ademais, búscase acadar unha maior coherencia e uniformidade no eido da observación da sociedade da información e a modernización das administracións públicas de Galicia mediante a integración das funcións deses dous organismos nun único observatorio.

Coa integración das funcións de ambos os observatorios, a Xunta actúa de acordo co principio da eficacia e baixo os criterios de máxima eficiencia, austeridade e economía organizativa. O Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA) nace así como un órgano asesor para avaliar a evolución da sociedade da información e a modernización das administracións públicas de Galicia, así como para participar e colaborar coas ditas administracións públicas nesas materias, ademais de contribuír á promoción e extensión das novas tecnoloxías en Galicia. A creación deste observatorio enmárcase dentro do Plan de Acción para o Desenvolvemento da Sociedade da Información no ano 2010, que identifica as liñas de actuación prioritarias que acometerá a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica neste ano.

O OSIMGA funcionará tamén como un sistema de información para a análise, comparación, seguimento e divulgación de datos, información e coñecemento relacionados coa sociedade da información e a modernización de Galicia.
As principais funcións do novo observatorio adscrito á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica serán:

  • Desenvolver ou promover compilacións, estudos e análises de datos que permitan coñecer cunha visión global o nivel de desenvolvemento, a tendencia e os posibles problemas que afecten a extensión da sociedade da información en Galicia e á aplicación do modelo de eGoberno nas administracións públicas galegas.
  • Facilitar análises comparativas e aliñacións de datos con outros marcos xeográficos. 
  • Promover o intercambio de experiencias e información entre administracións, con outros observatorios, organismos ou entidades.
  • Impulsar a organización de eventos formativos, reunións de expertos ou grupos de traballo. 
  • Promover e xestionar a elaboración e difusión de publicacións técnicas, impresas ou electrónicas, específicas e monográficas ou de publicación periódica. 
  • Xestionar e ofrecer periodicamente e, como mínimo, a través dunha web específica, información sobre o nivel de desenvolvemento da sociedade da información en Galicia, eventos formativos, noticias de actualidade, ou enlaces con outras fontes de información, observatorios ou entidades.
  • Elaborar e presentar publicamente informes que reflictan o estado de situación ou a evolución prevista. 
  • Facilitar datos a outros organismos e entidades con competencias específicas na materia. 
  • Analizar o estado de desenvolvemento da Sociedade da Información para toda a cidadanía e, en especial, no que respecta ás mulleres, ás persoas con discapacidade, ás persoas maiores e aos colectivos con risco de exclusión, promovendo liñas de actuación que potencien a súa incorporación e permanencia activa en condicións de igualdade efectiva. 
  • Avaliar e servir de elemento para a definición de políticas públicas en materia de sociedade da información e modernización da Administración.