Día da protección de datos

Artigo do Presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo, publicado no diario La Voz de Galicia.

Día da protección de datos Hai aproximadamente un século afirmaba Ortega e Gasset que non vivimos coa tecnoloxía, senón que o facemos dentro dela. Esta aseveración tórnase máis real hoxe en día, onde o termo «sociedade da información» reflicte o protagonismo que as tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) teñen no mundo actual en todos os ámbitos, xa sexa sociais, económicos, políticos ou culturais.

A acumulación de información prodúcese de modo masivo; a relativa ásFernando Suarez. Presidente CPEIG. persoas é a máis apreciada e valorada, debido ao poder que confire a quen a posúe. Existen riscos, como os resultantes da manipulación e interrelación de datos illados ata obter auténticos perfís de personalidade dos individuos.

É polo tanto necesaria a defensa do individuo e do seu dereito fundamental á protección dos seus datos persoais, recollido na propia Constitución española, e entendida como a súa facultade para decidir cando e baixo que límites debe revelar datos acerca da súa persoa.

Por outra parte, a evolución da normativa relacionada coas novas tecnoloxías a miúdo non é capaz de dar alcance á potencialidade dos novos servizos proporcionados pola Rede. Froito desta evolución normativa xorde en España a Lei Orgánica de Protección de Datos (LOPD), a través da cal se confiren unha serie de dereitos aos usuarios á hora de ceder os seus datos e con posterioridade á propia cesión.

Estamos nun momento de auténtica revolución tecnolóxica, organizativa e empresarial, con especial repercusión nas relacións comerciais e a decidida aposta das institucións públicas pola e-Administración. É preciso crear e transmitir confianza aos usuarios para que cedan os seus datos de carácter persoal e que estes vaian seguros e protexidos polas redes de ordenadores. O éxito do verdadeiro despregamento do comercio electrónico e as relacións informáticas coa Administración dependerán da seguridade ofrecida para que os cidadáns as utilicen, ademais tendo que terse unha clara percepción da devandita seguridade.

Por todo o expresado, resulta fundamental o labor de difusión e pedagóxico en todos os estratos sociais. Froito desta necesidade nacen iniciativas como a do Consello de Europa e a Comisión Europea celebrando no día de hoxe o día europeo de protección de datos, cuxo principal obxectivo é impulsar o coñecemento entre a cidadanía dos dereitos e deberes nesta materia.

No novo contexto tecnolóxico, a Enxeñaría en Informática toma cada vez máis relevancia tanto á hora de estender o coñecemento da lexislación asociada (protección de datos, propiedade intelectual, comercio electrónico, etcétera) a usuarios e profesionais, como na implantación e desenvolvemento dos novos sistemas e tecnoloxías da información. A crecente complexidade destes fai necesario apoiarse na utilización de ferramentas, normativas e unha metodoloxía de traballo para poder abordar de modo continuo a auditoría das medidas establecidas pola LOPD. É aí onde os enxeñeiros en Informática teremos un papel protagonista nos próximos anos.