O clúster TIC Galicia inicia a súa actividade con 75 entidades adheridas

Promovido polas asociacións empresariais EGANET, INEO e AETIC-Galicia, e os colexios profesionais COETG e CPEIG, o clúster que integra a cadea de valor das TIC en Galicia celebrou a súa 1ª asemblea xeral ordinaria.

Momento da primeira asemblea xeral ordinaria do clúster TIC de GaliciaO Clúster TIC Galicia inicia a súa actividade logo de remataren os procedementos de legalización estatutaria e rexistro. A asociación que integra a cadea de valor das empresas de novas tecnoloxías da información e da comunicación celebrou na tarde de onte a súa primeira asemblea xeral ordinaria, que tivo carácter informativo e na que se ratificou a adhesión de 75 entidades, entre asociacións empresariais e profesionais do sector, colexios oficiais e empresas participantes.

Na asemblea, que foi presidida e moderada pola presidenta provisional do Clúster e presidenta de Eganet, Beatriz Legerén, informouse aos membros da situación actual da iniciativa e aprobouse o regulamento da asemblea xeral extraordinaria convocada para o 11 de febreiro, que terá carácter extraordinario e na que se elixirán a presidencia e os membros do comité estratéxico da asociación.

Segundo explicou na asemblea Beatriz Legerén, rematada a elección dos órganos de dirección, o Clúster trazará as súas liñas estratéxicas que, en calquera caso, perseguirán os fins constitutivos da asociación e que pasan por potenciar as accións de desenvolvemento das empresas, xerar mercados de alianzas que eleven o nivel competitivo dos produtos e servizos galegos nos mercados estatais e internacionais, establecer convenios de financiamento, favorecer o desenvolvemento tecnolóxico, optimizar as infraestruturas, representar o sector TIC galego e promover o asociacionismo empresarial.

O Clúster TIC Galicia xorde do consenso e esforzo conxunto das organizacións EGANET (Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías), INEO (Asociación Multisectorial de Novas Tecnoloxías da Información e da Comunicación), AETIC-Galicia (Consello Territorial de Galicia da Asociación de Empresas de Electrónica, Tecnoloxías da Información e Telecomunicacións de España), COETG (Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia) e CPEIG (Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia), entidades que contaron co apoio da Administración Autonómica para culminar a materialización do proxecto.