I Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia

Logotipo da I Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia

Presentación

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) constituíse en decembro de 2007 como corporación de dereito público e de carácter profesional con personalidade xurídica propia que se rexe pola normativa vixente na materia e polos seus estatutos.

Cunha estrutura interna democrática e independente das administracións públicas, o colexio agrupa obrigatoriamente a todas as persoas que, tendo o título oficial de Enxeñaría en Informática ou Licenciatura en Informática, desenvolvan actividades propias da profesión en Galicia.

Na actualidade o CPEIG suma preto de 300 colexiados e colexiadas.

O galardón como recoñecemento

Cando está a punto de celebrar o seu segundo aniversario, esta entidade quere recoñecer as accións en defensa dos intereses do colectivo que representa outorgando a distinción de Colexiado/a de Honra a quen as realiza. Ademais, o colexio estableceu tamén as categorías de Premio á Traxectoria Profesional e Premio ao Proxecto Innovador.

Nesta ocasión, decidiuse conceder o galardón de Colexiado de Honra a:

  • Jesús Vázquez Abad
  • Javier Rodeiro Iglesias
  • Gabriel Ferreiro Pena
  • Jesús Rodríguez Castro

O Premio á Traxectoria Profesional recaeu en Javier García Tobío e o de Proxecto Innovador na e-Receita.

Accións distinguidas

Jesús Vázquez Abad, actual conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, recibe o galardón polo seu decidido apoio, mediante diferentes iniciativas parlamentarias, á regularización dos estudos e da profesión de Enxeñaría en Informática durante a súa traxectoria como deputado no Congreso.

A Javier Rodeiro Iglesias, Gabriel Ferreiro Pena e Jesús Rodríguez Castro, presidentes da Asociación de Enxeñerios en Informática de Galicia (AEIG) en diferentes etapas, recoñéceselles a súa loita para dotar a Enxeñaría en Informática dun código deontolóxico e duns estatutos a prol dunha profesión digna e autónoma. Como fito da asociación hai que sinalar a creación do propio Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia.

A traxectoria profesional de Javier García Tobío, licenciado en Informática pola Universidade de Deusto, comeza en 1975, ocupando diferentes cargos e postos directivos de máxima responsabilidade en grandes empresas. Desde 1998 dirixe o Centro Superior de Computación de Galicia (Cesga), organismo que está a obter durante a súa xestión prestixiosos premios. Así, o semanario ComputerWorld concedeulle en 2006 a distinción ao impacto no cidadán, por mellorar a calidade de vida dos cidadáns a través da I+D+i. García Tobio participa tamén en numerosos proxectos relacionados coa Sociedade da Información e do Coñecemento e forma parte do grupo de expertos de e-Ciencia promovido pola FECYT.

O Proxecto de receita electrónica e-Receita, desenvolvido polo Servizo Galego de Saúde (Sergas), naceu co obxectivo de modernizar a sanidade galega a través do uso intensivo das Tecnoloxías da Información. A iniciativa permitirá a dispensación farmacolóxica por medios telemáticos e transformará a relación da poboación galega con médicos e farmacéuticos. Na actualidade máis de 1,5 millóns de receitas ao mes realízanse por medios telemáticos.

Desenvolvemento do acto

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia fará entrega destes galardóns o vindeiro 13 de novembro no marco dunha cea de gala que vai ter lugar no Hostal dos Reis Católicos, en Santiago de Compostela, á que están convidados diversas personalidades da Administración Pública e do ámbito universitario, entre outras.

A programación do acto é a seguinte:

  • 21.00h: Cóctel na Capela do Hostal amenizado polo grupo de jazz Bakin Blues.
  • 21.45h: Entrega de premios na Capela do Hostal presentada por Paco Lodeiro.
  • 22.30h: Cea no Comedor Real
  • 23.45h: Actuación final do dúo humorístico Risoterapia no Comedor Real

Ao remate do evento sortearanse tres consolas "Wii" entre os/as membros do colexio asistentes (colexiados/as, pre-colexiados/as e persoas con compromiso de colexiación).

Asistencia ao acto

O prazo para a inscrición no evento está pechado.

O importe de asistencia ao acto deberá ser ingresado na seguinte conta corrente de "la Caixa":

2100-2954-75-0200085712

No concepto do ingreso deberá figurar o DNI e o nome do/da asistente ao evento.

Dado que o aforo do evento é limitado, aplicaranse os seguintes criterios de preferencia:

  1. Membros colexiados/as do CPEIG.
  2. Persoas NON colexiadas.
  3. Data e hora da inscrición.

O CPEIG resérvase o dereito de admisión no evento.

Aloxamento no Hostal do Reis Católicos

Aquelas persoas que desexen aloxarse o día do evento no Hostal dos Reis Católicos poden reservar unha habitación dobre por 100 € e unha habitación individual por 75 €, ambas modalidades con almorzo e IVA incluído.