Aberto o prazo de solicitude de subvencións destinadas a que os traballadores autónomos accedan á sociedade da información

Poderán beneficiarse das axudas os traballadores por conta propia con domicilio e alta fiscal no IAE para a súa actividade económica en Galicia, agás os comerciantes retallistas.

Logotipo da Consellería de Economía e IndustriaO prazo de presentación das solicitudes de axuda no ano 2009 permanecerá aberto ata o 10 de novembro de 2009, ou ata que se esgote o crédito orzamentario.

As actuacións subvencionables están orientadas á adquisición de ordenadores persoais que dispoñan das ferramentas axeitadas de software libre.

Os requisitos necesarios para os gastos subvencionables son:
  • O investimento deberá incluír como mínimo os seguintes elementos:

    • Adquisición dun ordenador persoal portátil ou de sobremesa.

    • Non se considera subvencionable a adquisición de licenzas de software adicionais á subministración básica do ordenador persoal, outros periféricos (por exemplo: impresoras, discos externos, etc), ou outro tipo de terminais (axendas electrónicas, tablet PC, teléfonos móbiles, etc).

  • Entenderase como investimentos subvencionable os custos en que incorra cada beneficiario como consecuencia da subministración por parte dalgunha das entidades colaboradoras, sempre que a adquisición e posterior mantemento da propiedade se realice cumprindo todos os requisitos e trámites aquí establecidos.

  • En ningún caso o custo de adquisición poderá ser superior ao valor de mercado.

  • Cada solicitante só poderá ser beneficiario dunha axuda ao abeiro deste réxime de axudas.

  • En todo caso, os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados con posterioridade á aprobación previa por parte da consellería.

Para acceder a esta subvención deberá tramitarse a solicitude exclusivamente a través das tendas de informática que teñan a condición de entidades colaboradoras que sexan seleccionadas pola Consellería de Innovación e Industria.