Os Decanos de Informática ven próxima a regulación profesional dos enxeñeiros

A presidenta da Conferencia de Decanos e Directores de Informática, María Ribera, asegurou que a regulación da profesión, a única das enxeñarías tradicionais que non ten atribucións recoñecidas, será realidade "en breve".

María Ribera, Presidenta da CODDISegundo fontes da Universitat Politécnica de Valencia (UPV), Ribera realizou estas declaracións durante a reunión da comisión permanente da entidade, celebrada hoxe no centro universitario.

Ribera explicou que neste momento está en trámite no Congreso dos Deputados unha proposta de lei para a creación do Consello de Colexios de Enxeñaría Informática, que conta co apoio de todos os grupos da cámara.

"Cando saia adiante esta proposta e se cree o Consello de Colexios, poderemos entrar a definir as atribucións profesionais dos enxeñeiros informáticos e equipararnos así co resto de enxeñarías", indicou.

Ademais, indicou que a informática "ten un impacto directo en actividades moi importantes da vida cotiá, como a saúde, a seguridade e a protección de datos,", e engadiu que "os profesionais que as leven a cabo deben estar altamente cualificados para garantir a calidade esixible".

Durante o encontro, decanos e directores das universidades españolas valoraron tamén os novos títulos de grao e másters en Enxeñaría Informática, adaptados ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), e aseguraron que supoñen "un importante avance para alcanzar un trato similar ao resto das enxeñarías".

A CODDI está constituída polos responsables das oitenta escolas e facultades que imparten estes estudos e que acollen preto de 90.000 alumnos, o colectivo de estudantes máis numeroso de todas as enxeñarías en España