O CPEIG congratúlase polo apoio unánime do Parlamento galego á regulación das Enxeñarías en Informática

PP, PSOE e BNG aprobaron no pleno desta mañá a proposición non de lei para instar ao Goberno do Estado á tramitación e aprobación dunha lei na que se regulen as titulacións e atribucións profesionais das Enxeñarías en Informática

Bandeira de GaliciaO Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) congratúlase da aprobación esta mañá no Parlamento galego da proposición non de lei para instar ao Goberno do Estado á tramitación e aprobación dunha lei que regule as titulacións e atribucións profesionais das Enxeñarías en Informática. Partido Popular, Partido Socialista e Bloque Nacionalista Galego manifestaron o seu apoio unánime á regularización das Enxeñarías en Informática coa aprobación da iniciativa presentada polo Grupo Parlamentario Popular. Ademais, os tres grupos acordaron introducir na proposición non de lei a relevancia de "escoitar as necesidades do sector" no proceso de regulación.

Mapa de comunidades autónomas que presentaron mocións para a regulación da enxeñaría informáticaA solicitude ao Goberno central dunha lei para a creación do Consejo General de Colegios Profesionales de Ingeniería en Informática foi outro dos aspectos debatidos. Neste caso, PPdeG e BNG votaron a favor e o PSdeG abstívose, ao estar tramitándose xa esta iniciativa no Congreso. 

A aprobación dunha normativa que regule as Enxeñarías en Informática, equiparándoas ás demais enxeñarías, é unha das principais demandas polas que está traballando o CPEIG, coa organización e participación en diversos actos reivindicativos a nivel autonómico e estatal. O obxectivo final é lograr o recoñecemento da importancia da profesión no desenvolvemento da sociedade actual.