O sector TIC representa perto do 3% do total do emprego na Unión Europea e o 4,9% do seu PIB

O OGSI analiza os principais datos do informe “R&D in ICT in the European Union 2009” publicado pola Comisión Europea.

Imaxe representativa da Unión EuropeaSegundo afirma o informe 'The 2009 Report on R&D in ICT in the European Union' publicado recentemente pola Comisión Europea, o sector TIC é claramente o sector líder na economía da UE en relación á produtividade laboral e ao gasto en I+D, aínda que o seu peso na economía da UE é inferior ao peso doutros sectores. O estudo tamén sinala que o sector TIC é o sector que máis contribúe ao desenvolvemento da economía do coñecemento na UE.

Este informe analiza o investimento en I+D no sector das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) na Unión Europea durante o período de 2001 a 2005, mediante a combinación de tres perspectivas complementarias: as estatísticas estatais, os datos das empresas e os indicadores tecnolóxicos. Ademais o estudo ofrece información sobre as tendencias económicas no sector das TIC, investiga a relación "input-output" do I+D e mostra unha análise das patentes TIC na UE.

O emprego e valor engadido do sector TIC na UE

En 2005, existían aproximadamente 680.000 empresas de fabricación e de servizos TIC na UE27, con 5,9 millóns de persoas empregadas e un valor engadido próximo aos 500 millóns de euros. Isto supón perto do 3% do emprego total da Unión Europea e o 4,9% do seu PIB, aínda que o seu peso na economía da Unión Europea segue a ser inferior ao peso doutros sectores.

En relación coa economía das empresas non financeiras da UE27 (agás a agricultura, administración pública e outros servizos non destinados ao mercado), estas cifras representan o 3,5% das empresas da UE27, o 4,6% do emprego e 9,0% do valor engadido. O estudo sinala que nos últimos anos, o sector das TIC reduciu lixeiramente a súa participación no emprego e aumentou a súa cota con respecto ao valor engadido.

A media de emprego no sector servizos TIC medrou máis que o promedio para os servizos non financeiros mentres que nas actividades de fabricación TIC diminuíu a un ritmo máis rápido que a fabricación global. Os servizos TIC representan na actualidade perto do 70% do total de emprego das TIC (10 puntos porcentuais máis que a finais da década dos 90), acadando os servizos e software de ordenador por si mesmos perto do 50%.

Entre as actividades de servizos, o emprego medrou entre 2000 e 2005 de 2,2 a 2,7 millóns en servizos e software de ordenador e reduciuse de 1,2 a 1,1 millóns en servizos de telecomunicacións. No mesmo período, reduciuse o emprego na manufactura TIC de aproximadamente 2,25 a menos de 2 millóns de euros. Unha tendencia similar pode observarse nos EE.UU, onde o emprego se reduciu nun 30% nas actividades de fabricación TIC e se incrementou nos servizos TIC, aínda que a un ritmo máis lento que na UE

O sector TIC sitúase por diante doutros sectores no indicador relativo á produtividade laboral (valor engadido por persoa empregada), tanto na industria de fabricación (58,00 euros en 2005 fronte aos 47,00 euros do total das manufacturas) coma no subsector servizos (80,00 euros en actividades informáticas e 160,00 euros en telecomunicacións fronte aos perto de 40,00 euros do servizos non financeiros agregados).

Non obstante, a relevancia do sector TIC con respecto ao total de poboación activa nas economía das empresas non financeiras varía significativamente entre os 27 países membros, desde menos dun 3% que rexistra Portugal, Grecia, España, Letonia, Polonia, Chipre e Romanía até máis dun 7% que acada Suecia e perto dun 9% en Finlandia e Irlanda.

A contribución da I+D do sector TIC na economía da UE

O sector TIC é un dos principais segmentos empresariais no ámbito da I+D. Co 18% do gasto bruto en I+D, o 26% do total de gasto empresarial en I+D e o 32,3% de todos os investigadores, o sector TIC avantaxa considerablemente ao resto dos sectores empresariais e convértese nun dos principais contribuíntes á economía do coñecemento da UE.

En concreto, o gasto bruto en I+D do sector TIC no ano 2005 foi de 35,9 billóns de euros fronte aos 201,5 billóns de euros do gasto total en I+D (un 18%). No mesmo ano, o gasto empresarial en I+D no sector TIC acadou os 33,7 billóns de euros fronte aos 127,7 billóns de euros do total de actividades empresariais (un 26,4%).

O sector TIC dá emprego a máis investigadores que calquera outro sector da economía da Unión Europea. Entre 2001 e 2005, o número de investigadores no sector TIC medrou aproximadamente un 10% até acadar as 203.000 persoas. Estas cifras non consideran os investigadores das TIC que traballan fóra do sector TIC.

Nota metodolóxica: A definición do sector TIC considerada no informe inclúe todas as empresas con actividade principal comprendida nos epígrafes CNAE 30 (Fabricación de máquinas de oficina, ordenadores e outro equipo informático), 32 (Fabricación de material electrónico, equipos e aparatos de radio, televisión e comunicacións), 33 (Fabricación de Instrumentos de medición), 642 (Telecomunicacións) e 72 (Actividades informáticas).