O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia

Símbolo do CPEIGO Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia foi consituído formalmente mediante asemblea o 15 de decembro de 2007.

O colexio é unha corporación de dereito público e de carácter profesional, amparada pola lei, con personalidade xurídica propia, que se rexerá polas leis e disposicións vixentes na materia e polas seus estatutos. O ámbito territorial do colexio é o correspondente á Comunidade Autónoma de Galicia.

O colexio opera baixo o principio de estrutura interna democrática, independente das administracións públicas, sen prexuízo das relacións de dereito público que con elas lle corresponda.

O colexio agrupa obrigatoriamente a todas as persoas españolas e estranxeiras que, por estar en posesión do título de enxeñaría en informática, dun título universitario oficial vinculado coa profesión de enxeñaría en informática ou ben se atopen en posesión dun título universitario debidamente homologado ou declarado equivalente ao anterior polo ministerio competente, desenvolvan actividades propias da profesión ou exerzan función ou cargo en razón dos devanditos títulos con domicilio profesional na Comunidade Autónoma de Galicia.

Están exentos da colexiación obrigatoria os profesionais vinculados coa Administración pública mediante relación de servizos de carácter administrativo ou laboral, cando o destinatario da súa actuación, ben sexa para o exercicio de funcións puramente administrativas, ben para a realización de actividades propias da profesión por conta da Administración á que pertenza, sexa esa Administración.