Protexer a Infancia no Ciberespazo

Artigo elaborado polo Tesoureiro, Antón Campos, e o Presidente do CPEIG, Fernando Suárez, publicado no diario La Voz de Galicia co gallo do día de internet.

Logotipo do día de internet 2009

Non está de máis que, cando menos un día ao ano, reflexionemos sobre o que é e o que representa Internet no noso mundo actual. Hoxe, 17 de maio, ademais de reflexionar sobre o noso idioma, é ese día.

Nacións Unidas elixiu este ano o lema "Protexer a Infancia no Ciberespazo". Non é casual. Nun contorno tan mudábel como é a Rede, os colectivos máis vulnerábeis son aqueles que procuran un oco na sociedade como novos seres humanos que comezan a perfilar a súa personalidade, aínda non definida e polo tanto fráxil, converténdose en presa fácil para a ciberdelincuencia.

Aos xa adultos este risco non debe amedrentarnos, máis ben debe facernos pensar que estamos nun mundo cambiante para coidar das nosas crianzas dun xeito diferente a como o viñamos facendo até o de agora. Acaso os nosos pais e avós non mudaron os coidados que nos procuraban cando apareceron os primeiros automóbiles polas rúas das vilas e cidades? Tal e como eles fixeron antes, agora debemos facer nós.

Os nenos e nenas, e a mocidade, teñen dereito ao acceso á información, ademais de participar en xogos sociais nun novo medio: Internet. Non debemos negarlles estes dereitos recollidos pola Convención das Nacións Unidas sobre os Dereitos do Neno. Mais ben por iso e polo cambiante contorno, debemos fiar fino para espertar a súa capacidade crítica, tan aceda e aguda ás veces, para que saiban obter o coñecemento das mareas de información que reciben da Rede.

Non lle poñamos cancelas ao vento nin pretendamos deter as mareas. Vano esforzo. Debemos protexer dende a educación, non dende a censura. A tecnoloxía actual permíteo. Aprendamos do acontecido hai 5 séculos coa invención da imprenta. Lembremos as fogueiras de libros ardendo nas principais prazas das capitais europeas, prendidas no nome de Deus. Non esquezamos os erros cometidos para evitar repetilos. Internet non fragmenta as culturas, Internet comunica á humanidade, principio para todo bo entendemento entre os seres humanos.

Internet é democrático, e así deberá ficar, cos efectos colaterais que isto implica. Calquera pode "subir" á Rede a información que considere, con ou sen principios morais e éticos, os cales poden ou non estar compartidos polo resto da humanidade. Velaí a importancia da educación do individuo e dunha adecuada lexislación, que deberá ser internacional, primeiro para facer meditar ao autor (a miúdo só distribuidor) sobre o perigo dos contidos que comparte coa humanidade a través da Rede; e segundo, para que o lector agudice a súa capacidade crítica sobre todo o que atopa na Rede, por outra banda algo nada novo, xa que o debería estar facendo con todo aquilo que atopa no resto dos medios de comunicación.

Eduquemos pois a nosa infancia no novo mundo que lle toca vivir, non a pechemos nas nosas casas porque fóra haxa automóbiles. É a nosa responsabilidade.