Os disc jockey necesitarán unha licenza para poder "pinchar"

Tras as redadas e detencións de DJ's realziadas en varias cidades nos últimos meses, SGAE, Ministerio do Interior e os pinchadiscos estudan a creación dunha autorización legal que permitan o uso de obras en formatos dixitais.

Disc JockeyOs DJ's españois terán que dispoñer dunha licenza legal como executores de arquivos de audio, é dicir, para poder poñer música en locais públicos con gravacións en cedés, lapis de memoria, discos externos e demais soportes dixitais, os disc jockey's deberán ter no seu poder un permiso, presumiblemente outorgado polo ministerio do interior, que autorice o uso de música en formato dixital. Esta é a solución que parece tomar máis forza a raíz das redadas e detencións de disc jockey's en varias cidades españolas por entender as forzas do estado que utilizaban música pirateada para traballar nas discotecas. Os rexistros policiais supuxeron un verdadeiro terremoto no negocio das discotecas e os disc jockey's reivindican a existencia dun baleiro legal que lles deixa nunha situación de indefensión.

Por iso, os profesionais das cabinas de pistas de bailes reuníronse nos últimos meses en Madrid e Barcelona para encontrar unha solución e legalizar a súa situación. Coa mediación da SGAE (Sociedade Xeral de Autores Españois), preténdese negociar a mencionada licenza, que permitiría o uso de obras en soportes dixitais, co ministerio do interior. A proposta está aínda por desenvolver, xa que un paso previo sería a creación dunha asociación de DJ profesionais en cada autonomía e a posterior federación nacional. Tanto a SGAE coma a devandita federación serían as entidades que emitirían as licenzas que todo DJ's deberán ter no seu poder e mostrar a policía en caso de rexistro ou redada. De momento, concertáronse novas reunións en Madrid e Barcelona para formalizar a constitución das asociacións profesionais de Deejay's e a posterior federación nacional, cuxos estatutos serán os que determinen como ser un disc jockey profesional. En Valencia, xa existe legalmente a primeira asociación do gremio.

As reunións informativas seguen o seu percorrido por toda España, sendo as próximas citas en Valencia (21 de abril), Sevilla (6 de maio), Eivissa (29 de maio) e Bilbao (10 de xuño). Tras o verán, retomaranse as negociacións co Ministerio do Interior coa mediación da Sgae.