"As políticas pasan por concienciar á xente sobre como a tecnoloxía pode axudar"

O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, concedeu o pasado domingo unha entrevista ao medio escrito La Voz de Galicia na cal abordou as políticas e efectos dos avances tecnolóxicos na sociedade, así como a fenda dixitial.

Fernando Suarez. Presidente CPEIG.Ás veces dá a impresión de que todo o que non saiba navegar no universo tecnolóxico que nos toca vivir, rematará afogado. Fernando Suárez Lorenzo, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría de Galicia, cre que, se se fan as cousas ben, o naufraxio será evitable.

-Non empezamos a estar un pouco obsesionados coa tecnoloxía?

-A tecnoloxía, evidentemente, facilítanos a vida e hai que apostar por ela, pode facilitar os distintos labores e tarefas. Para nada é unha obsesión.

-E esa brecha entre xeracións, non acabará sendo un océano?

-É difícil. A brecha tecnolóxica pódese entender de varias formas. Por unha parte está o que separa ás distintas xeracións: as máis novas estanse a criar nun ámbito tecnoloxicamente moito máis avanzado, tanto a propia televisión coma temas de telefonía móbil ou Internet, e iso facilítalles moito o acceso. Pero hai políticas para fomentar o uso das distintas tecnoloxías, sobre todo Internet, para a xente maior. Ás veces é o descoñecemento, á xente cústalle acceder ao descoñecido. As políticas pasan por concienciar a xente de como a tecnoloxía lles pode axudar no seu día a día: pedir a cita para o médico, facer a compra, o voto electrónico.

-Hai dez anos, alguén que falaba por teléfono pola rúa chamaba a atención; hoxe, o raro é non ver a ninguén falando na rúa...

-E os primeiros móbiles que se vían con mans libres, e pensabas que a xente falaba soa. O cousas como foi a primeira televisión, cando os presentadores saudaban e había alguén que contestaba ese saúdo. O cambio que supuxo a televisión no seu día agora vese reflectido, quizais, con Internet e a telefonía móbil. Imaxínate o correo electrónico, poder enviar unha mensaxe en cuestión de segundos ao outro lado do planeta. Esa dependencia da tecnoloxía non é senón algo das persoas.

-A dependencia tamén se soluciona sacando o enchufe da parede...

-Si, porque tamén é certo que ás veces nos facemos escravos desa tecnoloxía. É como todo, hai que saber controlalo, se estás permanentemente pendente do móbil ou do correo electrónico, entón che fan un dependente, como podrecías selo dunha substancia. Pero eu non vou dicir que este progreso non sexa bo.

-Medidas como instalar unha rede sen cables na zona monumental de Santiago son o camiño axeitado ou os políticos ás veces se embarcan en cousas que non coñecen?

-O tema de Santiago coñézoo persoalmente ben, traballo no Concello e fun partícipe na implantación da Wimax. Pero si é certo que os políticos, moitas veces, descoñecen en ambos os dous sentidos: ás veces fan apostas por algo sobre o que non chegan a comprender as implicacións que pode ter, outras, hai descoñecemento sobre que poden facer e como poden facilitar aos seus cidadáns o quefacer diario. Santiago ten unha circunstancia moi especial, e apostouse por unha tecnoloxía que non é agresiva.

-Un pouco cara non?

-Iso é outra cousa, o que é a explotación da rede en si. O concurso público tiña dúas fases: a implantación e a explotación. Había que sopesar a calidade do sinal por un lado e, por outro, o custo económico que ía supoñer para o cidadán. Pode ser cara? Non te vou dicir que non, pero é unha opción que logo terá que valorar cada cidadán, atendendo ás súas circunstancias particulares.

-Que nos espera dentro de dez anos?

-É moi difícil sabelo. A tecnoloxía de Minority Report, que nos chamaba a atención, xa a vemos con dispositivos como o iPhone ou as novas BlackBerry. Todo pasa por Internet, cada vez estaremos máis conectados á rede, e a propia televisión antóllaseme como un ámbito moi doado para os usuarios. Pero é moi difícil prognosticar. Evidentemente, cada vez máis implantación de Internet, maior ancho de banda, máis penetración en todo tipo de dispositivos e por aí irán os tiros, aplicacións sempre en rede, sen depender do PC.