Novo marco académico para a Enxeñaría e a Enxeñaría Técnica en Informática

O Consello de Universidades aprobou no día 3 de Marzo un acordo sobre as condicións que deben cumprir os títulos universitarios vinculados ás Profesións de Enxeñeiro Técnico en Informática e Enxeñeiro en Informática.

Símbolo do CPEIGEste acordo supón un apoio e un recoñecemento ás reivindicacións dos Colexios Oficiais e Profesionais de CCII-CONCITI sobre a necesidade da regulación explícita das Profesións de Enxeñeiro Técnico en Informática e Enxeñeiro en Informática.

CCII e CONCITI resérvanse a súa opinión ata non ver publicado en BOE o contido da ficha e anexos, esperando que o publicado coincida co establecido na reunión da subcomisión creada para tal efecto o día 23 de Febreiro.

Os Colexios de Enxeñeiros Técnicos e Enxeñeiros en Informática pertencentes a CCII e CONCITI, queren agradecer a sensibilidade demostrada por parte do ámbito universitario e do Ministerio de Ciencia e Innovación cara á especial situación das nosas profesións.

Logotipo do CCIIO acordo dos reitores sobre estes títulos no Consello de Universidades e a súa futura remisión para publicación no BOE marca un paso no camiño correcto, aínda que consideramos e así fixémolo constar que estes títulos deberían recibir o mesmo tratamento que o resto das enxeñarías e polo tanto ser establecidos con carácter de obrigado cumprimento a través dunha Orde Ministerial.

CCII-CONCITI queren facer constar que foron oídos nas reunións que se levaron a cabo para a elaboración deste acordo, nelas deixamos patente a nosa postura en canto a que:

  • O acordo e os seus anexos deberían seguir exactamente a mesma estrutura e contidos (no xenérico) ás ordes ministeriais do resto das enxeñarías.
  • O apartado referido á planificación das ensinanzas tanto no Grao como no Máster debería axustarse aos documentos aprobados pola Conferencia de Decanos e Directores de Informática (CODDI) na súa última reunión plenaria, apoiados por CCII-CONCITI e a mesa de atribucións da profesión de Enxeñaría en Informática.

CCII e CONCITI queren mostrar a súa cautela e a reserva de opinións ou actuacións en tanto en canto non se realice a publicación no BOE do devandito acordo, que permita constatar que as conclusións á que chegou a subcomisión formada por todos eles en reunión do 23 de Febreiro foron recollidas e reflectidas de forma fidedigna.

Este acordo, de confirmarse, suporía unha solicitude expresa por parte do ámbito universitario da regulación da profesión de Enxeñeiro Técnico en Informática e Enxeñeiro en Informática aos ministerios competentes: Ministerio de Industria, Turismo e Comercio e o Ministerio de Economía e Facenda. Ministerios que a día de hoxe seguen denegando o dereito de audiencia aos Colexios nos asuntos e aspectos que afectan á súa profesión, como a transposición da Directiva de Servizos.

Aproveitamos esta nota de prensa para reiterar as nosas reivindicacións:

  • Regulación das profesións de Enxeñeiro Técnico en Informática e Enxeñeiro en Informática de forma explícita cunhas leis propias e coa actualización explícita do catálogo de títulos da lei 12/1986 que faga referencia aos Reais Decretos que establecen as titulacións da nosa profesión.
  • Creación do Consello Xeral de Colexios de Enxeñeiros Técnicos en Informática e do Consello Xeral de Colexios de Enxeñeiros en Informática.
  • Igualdade co resto de Enxeñarías en todos os ámbitos (universitario, profesional, mobilidade europea, dereito de audiencia, ...)
España necesita e merece unha Enxeñaría Informática de primeira para competir en progreso co resto de países máis avanzados do mundo.