Innovación presenta Galinux, o sistema operativo libre en galego

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, vén de presentar, esta mesma mañá en Santiago de Compostela, o agardado Galinux.

presentación galinuxGalinux, un completo sistema operativo de fontes abertas configurado para “facilitarlle, a todos os galegos e galegas, o uso do seu ordenador integramente en galego e con aplicacións informáticas libres e de balde”.

Trátase dunha ferramenta na que Mancomún, o Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza, leva tempo traballando a reo, a fin de ofrecerlle á cidadanía galega en xeral e aos responsables de empresas e da administración pública en particular, un escritorio ofimático multimedia de fácil manexo e integramente na súa lingua nai.

Este novo sistema operativo fiable e completamente en galego, está baseado en Ubuntu, e ademais de tódalas funcionalidades típicas dun sistema operativo privado, incorpora os principais aplicativos, como o popular navegador web Firefox, as aplicacións de ofimática incluídas no OpenOffice.org, un corrector ortográfico de galego, clientes de correo electrónico, un programa de retoque fotográfico, reprodutores de son e vídeo, gravador de CD e DVD… todo con actualizacións permanentes de balde, que serán distribuídas cada certo tempo para manter o equipo ao día.

Esta iniciativa xorde co propósito de dar resposta a unha demanda crecente de recursos e servizos libres por parte da comunidade galega e foi posible grazas ao traballo de Mancomún, organismo dependente da Consellaría de Innovación e Industria, en colaboración coa comunidade galega de software libre, que aportou os seus coñecementos de código libre e a súa experiencia neste eido.

Neste evento sen precedentes en Galicia, o conselleiro nacionalista explicou que o seu departamento “vén apostando decididamente pola introdución das tecnoloxías libres e os estándares abertos en tódos os ámbitos da sociedade galega” e engadiu que a promoción do Galinux supón a maiores “unha oportunidade no actual escenario de crise económica ao apostar pola innovación empresarial, a internacionalización, a competitividade e a potenciación do sector TIC”.

No acto tamén participou a directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela, quen agradeceu o “incansable” traballo que realizan todas aquelas persoas “sensibilizadas” coa introducción do software libre na nosa comunidade que fan posible que sexamos “ máis independentes tecnoloxicamente falando”.
Trala intervención de Veiguela, os asistentes puideron escoitar, e se cabe ata sorprenderse, coas declaracións en primeira persoa de Claudio Filho, responsable do BrOffice e migración masiva de escritorios en Brasil, quen contou a súa propia experiencia no traballo da migración cara o software libre de tódolas aplicacións informáticas e sistemas operativos que empregaban os sectores da administración pública do seu país, o cal, dixo, “non foi unha tarefa doada máis sí moi satisfactoria”.

Canles de distribución

Innovación e Industria acompaña o lanzamento do Galinux, “o Linux que fala galego”, con toda unha serie de medidas para fomentar o seu uso, integradas dentro dos cometidos asignados ao Centro de Referencia e Servizos (Mancomún).

Deste xeito, ademais da descarga habilitada desta aplicación dende a web de Mancomún, serán distribuídas de balde ata 5.000 unidades do novo sistema operativo entre a cidadanía, a través dos centros da Rede de Dinamización da Sociedade da Información, das asociacións e das oficinas universitarias de software libre.

Galinux: o metapaquete de AraOS

Dende o punto de vista técnico, Galinux é o resultado unha innovación tecnolóxica que xurdiu dun traballo de prototipado realizado polo persoal de Mancomún pertencente ao Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA): o AraOS.

Este é un “metapaquete” que define un paradigma funcional de escritorio ofimático multimedia en galego, o que fai poible a creación de adaatacións espeíficas para cubrir necesidades moi diversas e en sectores moi específicos, de xeito doado e a baixo custe.

O nome procede de mesturar o do coñecido pingüín galego, o Arao (Uria Aalgae) coas sigras OS (Operative System), seguindo a tradición da comunidade de softwar libre que identifica o Linux cun destes animais.