Os enxeñeiros informáticos esixen o recoñecemento do seu título

Folga o 19 novembro porque as súas atribucións profesionais "só poden ser reclamadas pola rama das telecomunicacións".

Os enxeñeiros informáticos e técnicos convocaron unha folga o 19 de novembro para defender as súas titulacións, como consecuencia da súa "exclusión" na orde do Ministerio de Ciencia e Innovación, referida aos títulos que habilitan para o exercicio das profesións.

Para este colectivo, a Secretaría de Estado de Universidades "incumpriu os compromisos adquiridos na pasada lexislatura", xa que as súas atribucións profesionais "só poden ser reclamadas pola rama das telecomunicacións".

Así mesmo, denuncian que o Congreso rexeitase o 28 de outubro unha proposición non de lei do PP na que instaba ao Goberno a "reincorporar" as titulacións de Enxeñaría Informática (grao e máster) na "discusión" do conxunto de enxeñarías para o proceso de adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior. O grupo popular pediu o apoio dos grupos para que o executivo reflicta a natureza das competencias dos informáticos e o seu dereito a reclamar "polo menos" as atribucións cos títulos cos que comparte competencias a Enxeñaría Informática.