O Consello dos Colexios de Enxeñaría Informática apoia a manifestación

Críticas ao Ministerio de Ciencia e Innovación.

Os colexios profesionais de enxeñeiros en Informática decidiron apoiar as mobilizacións convocadas polo alumnado do sector para reclamar que as titulacións de Enxeñaría en Informática e Enxeñaría Técnica en Informática entren dentro das propostas de títulos que habilitan para o exercicio das diferentes profesións de enxeñeiros.

O Ministerio de Ciencia e Innovación rexeitou unha proposición non de Lei na que se solicitaba contidos e competencias para a Enxeñaría Informática. Por iso, os estudantes de enxeñaría informática convocaron unha folga para o próximo día 19.

A decisión de apoiar as protestas dos estudantes de enxeñaría en informática foi adoptada durante unha reunión do Consello dos Colexios profesionais de enxeñeiros en Informática, tal como informou Jacinto Canales, secretario xeral do devandito órgano aglutinador de todos os colexios profesionais nesa materia.

Na reunión do Consello, segundo Canales, tamén se deu o visto bo á proposta das Escolas universitarias de Enxeñaría Informática de presentar ante o Ministerio as fichas de grao e máster para a Enxeñaría Informática.

Estes centros elaboraron fichas cos requisitos mínimos que debería ter a titulación de informática, malia que non lles foron solicitadas, ao contrario que ao resto de enxeñarías, explicou Canales.

O pasado 23 de outubro o Ministerio de Educación presentou as fichas de grao e master de todas as enxeñarías menos a de informática, co argumento, segundo os enxeñeiros informáticos, de que a enxeñaría informática non ten atribucións porque é unha materia transversal que non debe concentrarse nunha titulación concreta.

Coas súas protestas, os enxeñeiros informáticos advirten "dunha diseminación importante das materias", que impedirá a existencia dun marco para medir que é a enxeñaría informática, xa que carecerá de regulación.

Segundo os enxeñeiros informáticos, a consecuencia será a desaparición desta enxeñaría, aparte de que os títulos actuais deixarán de ter validez e non se corresponderán con ningún dos europeos, polo que o colectivo non poderá traballar en Europa.

O colectivo advirte de que "as novas fichas dos enxeñeiros de telecomunicación recollen as competencias da informática", polo que serán eles os que queden coa parcela de traballo dos informáticos".