A CE pretende incluír a conexión por banda ancha no servizo universal

Actualmente, 36 de cada 100 fogares europeos dispoñen deste servizo, o que Bruxelas considera insuficiente.

A Comisión Europea pretende incluír o acceso a internet por banda ancha nas obrigas do servizo universal para "garantir a conexión á rede a todos os cidadáns comunitarios", segundo anunciou hoxe o Executivo da UE.
Actualmente, 36 de cada 100 fogares europeos dispoñen de conexión á rede por banda ancha, un nivel de implantación que Bruxelas considera "insuficiente", a pesar de que este se triplicou entre 2003 e 2007, segundo os datos da Comisión.

O documento tamén analiza a cobertura da rede fixa de banda ancha, que a final de 2007 xa chegaba ao 93% da poboación, aínda que a porcentaxe baixa ata o 70% nas zonas rurais.

No caso de España, a cobertura total está lixeiramente por debaixo da media europea -un 91%-, pero a das áreas rurais é moi superior, dun 88%.

As diferenzas de cobertura entre os estados membros son significativas, xa en que países como Dinamarca, Luxemburgo e Bélxica alcanza o 100%; mentres que Romanía e Polonia se atopan na cola da clasificación europea, cun 36% e un 64%, respectivamente.

Entre outras medidas para impulsar a implantación da banda ancha, o Executivo europeo estudará incluila na directiva de servizo universal, que xa obriga aos Veintisiete a ofrecer o acceso á rede a través da liña telefónica.

O informe elaborado pola CE invita ao Parlamento europeo, ao Consello, aos reguladores nacionais, aos provedores de servizos de telecomunicacións e aos cidadáns "a participar nun debate para estender a banda ancha para todos na UE".

A Comisión "terá en conta" as achegas dos actores do sector para elaborar futuras propostas lexislativas, que tomarán forma no segundo semestre de 2009 e en 2010.

Así mesmo, o informe difundido hoxe destaca o "forte crecemento" do uso do teléfono móbil na UE, xa que a porcentaxe de cidadáns aboados a este tipo de servizos pasou do 85% ao 112% entre 2005 e 2007.

Para a comisaria europea de Sociedade da Información, Viviane Reding, as estatísticas demostran que, "de momento", non é necesario impoñer obrigas de servizo universal aos provedores de telefonía móbil.