Os científicos do CERN fabrican unha rede 10.000 veces máis rápida que internet

'The Grid' está deseñado para grandes proxectos de investigación e enxeñaría que necesitan mover enormes cantidades de datos

Internet tal e como a coñecemos podería ser historia en cuestión duns anos se The Grid fai a súa irrupción nos ordenadores domésticos de todo o mundo. Este sistema é actualmente unha rede de 100.000 ordenadores creada polos científicos do CERN para almacenar e compartir os datos que emita o novo Gran Colisionador de Hadrones (LHC, polas súas siglas en inglés). Se The Grid chegase ao uso doméstico, descargar unha película ou miles de cancións sería cuestión de segundos.

The Grid ("A Malla", literalmente) foi creado no CERN, no mesmo lugar onde en 1989 Tim Berners-Le inventou a Web, e funciona a unhas 10.000 veces máis rápido que as conexións típicas de internet de entre 1 e 3 Megas. A súa capacidade permitiría a un usuario realizar videochamadas ao prezo dunha chamada local, participar en partidas online de centenares de miles de persoas ou transmitir imaxes holográficas.

Pero, de momento, The Grid dedicarase a outras tarefas, entre elas, a buscar novas curas contra enfermidades ou almacenar toda a información que é capaz de emitir o LHC en apenas uns segundos de funcionamento: uns 15 petabytes ao ano, ou o equivalente a 56 millóns de CDs, segundo informacións de The Estafes. The Grid, unha rede de 100.000 ordenadores, será conectado ao LHC cando este entre en pleno funcionamento, despois da avaría que sufriu hai unhas semanas.

Aínda que está deseñado para grandes proxectos de investigación e enxeñaría que necesitan mover enormes cantidades de datos, os científicos responsables de The Grid cren que nuns anos podería estar ao alcance de todos. Así, seguiría un camiño similar ao de Internet, que en principio foi ideado como unha forma de compartir información entre universidades -aínda que algúns lle atribúen unha orixe militar- e, posteriormente, converteuse en ferramenta en millóns de fogares en todo o mundo.

Poder curativo

"A World Wide Web -o que comunmente se coñece como Internet- permíteche acceder a información noutros ordenadores. O que The Grid che permite é non só acceder á información, senón facer uso da súa potencia e os seus recursos de computación" explica Bob Jones, un científico do CERN, sobre The Grid, un proxecto que custou preto de 500 millóns de euros e no que participan cen mil ordenadores situados en 33 países distintos que poderán acceder á información xerada polo LHC.

"The Grid non pode achar unha cura para o cancro, o que si pode facer é acelerar o seu achado", engade o doutor Jones, que asegura que o que ata agora levou máis dunha década de investigacións poderá facerse en tan só unhas semanas. Así, ata agora, para achar unha cura a unha enfermidade, o científico debía acudir ao laboratorio e mesturar químicos para ver o seu funcionamento, pero con The Grid poderá facer centenares de miles de mesturas virtuais en tan só uns minutos.