Máster de Software Libre Caixanova

O máster, no que colaboran a Fundación Caixanova, Igalia e a Universidade Rei Juan Carlos remata o seu prazo de inscrición o 26 de setembro de 2008.

O Máster de Software Libre Caixanova formúlase como a resposta da Fundación Caixanova, a través da súa área de novas tecnoloxías, á elevada demanda de profesionais especializados en software libre dentro do sector TIC.

Logotipo de CaixanovaA vocación extremadamente técnica e práctica do Máster, cuxa II edición será impartida nas instalacións da Obra Social de Caixanova en Vigo a partir de outubro en sesións de venres tarde e sábado mañá, oriéntase a recén titulados e profesionais TIC que desexen mellorar as súas capacidades para xestionar, analizar e colaborar en proxectos internacionais de software libre.

Coa intención de combinar de forma óptima a visión académica coa empresarial, o equipo docente estará avalado polo grupo de investigación GSyC/Libresoft da Universidade Rei Juan Carlos, referente na comunidade investigadora de software libre pola súa participación en numerosos proxectos de I+D europeos; e pola empresa Igalia, a actividade de negocio baseada en software libre da cal lle supuxo unha posición de relevancia na comunidade internacional GNOME.

O comité asesor do Máster en Software Libre Caixanova está formado por:

  • Richard Stallman, presidente da FSF e fundador do proxecto GNU.
  • Miguel de Icaza, vicepresidente de Novell, fundador do proxecto GNOME e impulsor do proxecto MONO.
  • Bdale Garbee, xefe tecnolóxico da área Open Source & Linux de HP a nivel mundial e presidente de "Software in the Public Interest".
  • Carlos Guerreiro, líder de OSSO Desktop team en Nokia Multimedia.
  • Alberto Abella, ex director de desenvolvemento corporativo da fundación CENATIC e coautor do Libro Branco do Software Libre.
  • Marcelo D 'Elia Branco, coordinador do proxecto Rede Internacional das Administracións Públicas polo Software Libre.
  • Os membros do comité participarán tamén de forma activa durante o curso académico, impartindo unha conferencia maxistral aberta ao público e un seminario específico para os alumnos do Máster en Vigo.

Dirixido a

  • Enxeñeiros superiores, da rama de Telecomunicacións, Informática ou Industrial.
  • Enxeñeiros técnicos, da rama de Telecomunicacións, Informática ou Industrial.
  • Outras titulacións superiores, asumindo o esforzo de adquisición do necesario coñecemento informático para alcanzar os obxectivos do Máster.

Horario

A partir de outubro 2008, clases presenciais todos os venres pola tarde de 16 a 21 h e sábados pola mañá de 9 a 14 h.

Máis información

No sitio web oficial do Máster de Software Libre Caixanova pode atoparse máis información sobre este máster.