Innovación e Industria aposta pola implantación do SwL entre o colectivo de autónomos galegos

A Consellaría promocionará o uso do Software Libre entre o colectivo de traballadores autónomos.

A Consellaría de Innovación e Industria promocionará o uso do Software LibreLogotipo da Consellería de Innovación e Industria entre o colectivo de traballadores autónomos galegos, subvencionando a adquisición de ordenadores persoais con ferramentas de tecnoloxía aberta, especialmente no referente ás aplicacións ofimáticas e de acceso á internet (Linux, Firefox e OpenOffice).

Con esta medida, dotada cun orzamento próximo a un 1,7 milóns de euros, o goberno galego quere incrementar a presenza das tecnoloxías abertas entre o tecido empresarial galego como forma viable para o seu desenvolvemento sostible. A iniciativa enmárcase dentro das estratexias operativas do PEGSI 2007-2010, deseñado pola Consellaría de Innovación e Industria.

O programa de axudas, previsto para o bienio 2008-2009, convocarase proximamente, unha vez se faga público o listado de de entidades colaboradoras que participarán na xestión das subvencións.
A este respecto, a solicitude e tramitación de axudas levarase a cabo a través dunha aplicación informática en Internet, co emprego da sinatura dixital e o enlace do Rexistro Telemático da Xunta de Galicia. As entidades colaboradoras realizarán todos os trámites en internet, previa presentación da documentación por parte dos traballadores autónomos interesados.

A axuda acadará o 45% do investimento subvencionable, cun límite máximo de 350 € para cada solicitante. O investimento deberá incluír como mínimo os seguintes elementos:

  • Adquisición dun ordenador persoal portátil ou de sobremesa, con procesador con arquitectura semellante a x86 de 32 bits, ou superior. O ordenador deberá incluír sistema operativo Linux.
  • O ordenador deberá dispor de navegador de internet en software libre tipo Mozilla Firefox versión 2.0 ou superior.
  • O ordenador deberá dispor de paquete ofimático en software libre tipo OpenOffice versión 2.0 ou superior.
  • No caso de ordenadores de sobremesa poderán estar incluídos os periféricos de usuario necesarios (pantalla, teclado e rato).