Conmemoración do Día Mundial de Internet

Fernando Suárez

O CPEIG conmemora o Día Mundial de Internet, nun momento no que a informática é un elemento estratéxico anticrise para combater a pandemia do COVID-19

 

As novas tecnoloxías convertéronse nos mellores aliados para manter o contacto con seres queridos, traballar, estudar ou para entretemento

 

Fernando Suárez, presidente: “Con tempo, apoio, confianza e liderado construírase un futuro mellor baseado no progreso tecnolóxico de toda a sociedade, grazas a tecnoloxías avanzadas como a realidade virtual, a Internet das Cousas ou a Intelixencia Artificial”

 

O Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) pon en valor a informática no Día Mundial de Internet, efeméride que se conmemorou o pasado 17 de maio, recoñecida polas Nacións Unidas como o Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información. Segundo explica o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, a crise derivada da pandemia do COVID-19 destaca o papel e importancia da informática para combatela, facilitando a continuidade de negocios e o traballo diario das empresas e Administracións públicas, aportando un uso social e de ocio, ademais das ferramentas dispoñibles para evitar repuntes dos casos nestas fases de desescalada.

 

Ferramentas para teletraballar, como VPN, videoconferencias ou escritorios remotos, para continuar co proceso educativo nas aulas virtuais, tamén a nivel persoal para comunicarse coa familia ou amigos por mensaxería instantánea, videochamadas ou redes sociais, ou mesmo por cuestións de entretemento cos vídeos baixo demanda ou videoxogos en liña, están sendo fundamentais para alcanzar certa normalidade. A pesar dos avances dos últimos anos e a súa introdución no mundo laboral e social, moitas empresas e particulares tiveron que adaptarse a marchas forzadas a algúns destes sistemas dos que practicamente nin coñecían a súa existencia.

 

Se en apenas dous meses se lograron aplicar estas ferramentas informáticas na vida laboral e persoal, o presidente do CPEIG asegura que “con tempo, apoio, confianza e liderado”, construírase un futuro mellor baseado no progreso tecnolóxico de toda a sociedade, grazas a tecnoloxías avanzadas como a realidade virtual e aumentado, a Internet das Cousas ou a Intelixencia Artificial. 

 

Segundo as últimas cifras, incrementouse o tráfico de datos un 80% e duplicouse o tráfico de videoconferencia e streaming de vídeo en España, obrigando a que os gobernos consideren o acceso a internet como un elemento estratéxico nas súas estratexias anticrise. Esta situación está repercutindo en que provedores de contido, como Netflix, HBO, ou Movistar+ limiten a calidade do streaming dos seus contidos ou solucións de videoconferencia reduzan as súas capacidades e utilidades, co fin de garantir a súa propia infraestrutura cloud e o servizo aos seus clientes.

 

O presidente do CPEIG lembra que existen outras tecnoloxías, con difusión máis limitada, como as impresoras 3D, que están sendo fundamentais para axudar aos sanitarios, mellorando a súa seguridade grazas á elaboración de máscaras. “A pesar destes cambios vividos en confinamento, poderiamos afirmar que estamos conectados no noso illamento, con índices de colaboración desinteresada e altruísta sen precedentes” –sinala Fernando Suárez–.

 

Ademais, o presidente do CPEIG explica que aplicacións similares á desenvolta en Singapur, TraceTogether – que permite, a través da tecnoloxía Bluetooth dos teléfonos móbiles, identificar a todas as persoas que estiveran en contacto con algún paciente enfermo –, poden ser fundamentais para evitar aumentos de contaxios, empregando técnicas de xeoposicionamento, trazabilidade e big data. “A tecnoloxía demostrou que pode mellorar a nosa calidade de vida, logrando unha verdadeira coalición da vida laboral e persoal, reducindo a necesidade de desprazamentos, coa consecuente diminución das emisións contaminantes, e achegando ás persoas e reducindo brechas espazo temporais” –argumenta Fernando Suárez–.