O CPEIG traslada a súa gala anual A NOITE ao 30 de outubro

XII Noite

 

Apraza a celebración do evento máis destacado da informática en Galicia, previsto para o mes de xuño, polo estado de alarma pola pandemia do Covid-19

 

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) traslada a celebración da "XII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia" para o 30 de outubro. A gala máis importante da informática en Galicia, que tiña prevista a súa celebración como é habitual no mes de xuño no Hotel Monumento San Francisco de Santiago de Compostela,  organizarase finalmente no último trimestre do ano dada a situación actual do estado de alarma e a fase de desescalada que se vivirá nas vindeiras semanas.

 

O evento é un punto de encontro entre os colexiados e colexiadas do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos e é un referente para o sector. Segundo sinala o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, a Noite é xa unha gala consolidada onde o Colexio profesional pretende mostrar á sociedade o traballo desenvolto por enxeñeiros en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC. “A finalidade é dar visibilidade á profesión de enxeñaría en informática que ten un crecente impacto na vida das persoas, na creación de riqueza, e no desenvolvemento económico do país” –explica o presidente–.

 

Ademais, no marco desta gala entregaranse os Premios da Noite, con dez categorías nas que os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática.

 

Na edición de 2019, creouse a categoría de Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino, distinción que recibiu o CEIP Ponte dos Brozos de Arteixo, un dos sete centros seleccionados pola UNESCO para aparecer nunha publicación sobre as mellores prácticas de aprendizaxe móbil.

 

O resto de galardóns foron o Premio e-Inclusión para "Camino de los Satélites", unha iniciativa da Fundación Tecnología Social (Funteso) destinada a mostrar como as tecnoloxías socialmente responsables poden facer accesible o Camiño de Santiago a todo o mundo; o Premio Iniciativa Emprendedora para o Club Financiero Atlántico de Coruña polo seu soporte organizativo na Mobile Week Coruña; o Premio Iniciativa Empresarial para dúas entidades, Hijos de Rivera e a asociación Alastria; o Premio Iniciativa da Administración para programa de "Talleres e Axudas á Dixitalización", promovido polo Igape; o Premio Ada Byron para Mónica Fernández Bugallo, profesora de comunicación dixital e procesamento do sinal do Departamento de Enxeñaría Eléctrica e Informática da Universidade de Stony Brook en New York; o Premio Traxectoria Profesional para Carlos Vázquez Mariño, director da Área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais da Amtega; e o Premio Colexiado de Honra para o director xeral da Fundación Mobile World Capital Barcelona, Carlos Grau Lara. 

 

Ademais, entregáronse o Premio Especial CPEIG pola constancia no apoio da Noite, para Altia e Everis; e o Premio Proxecto Fin de Carreira/Mestrado para o enxeñeiro en informática Óscar Blanco Novoa.

 

O CPEIG constituíuse en decembro de 2007 como corporación de dereito público e de carácter profesional con personalidade xurídica propia que se rexe pola normativa vixente na materia e polos seus estatutos. Cunha estrutura interna democrática e independente das administracións públicas, o Colexio agrupa obrigatoriamente a todas as persoas que, tendo o título oficial de Enxeñaría en Informática ou Licenciatura en Informática, desenvolven actividades propias da profesión en Galicia. Na actualidade, o CPEIG suma máis de 350 colexiados e colexiadas.