Convocado o concurso “#ApuntasTech?” de propostas didácticas para a promoción das vocacións tecnolóxicas entre as rapazas

ApuntasTech2020

 

Estudantes de primaria e secundaria, centros escolares ou outros colectivos educativos poderán enviar os seus traballos ata o 15 de abril

 

A segunda edición do certame está organizada pola Secretaría Xeral de Igualdade, o Cesga, o CPEIG, a Asociación de Mujeres Investigadoras y Tecnólogas e a Asociación.GAL, enmarcada no Día das Rapazas nas TIC que se conmemorará o 23 de abril 

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), a Asociación de Mujeres Investigadoras y Tecnólogas (AMIT) e a Asociación.GAL lanzan a segunda edición do concurso “#ApuntasTech?” para promover vocacións tecnolóxicas femininas.

 

O obxecto principal do concurso é xerar un catálogo de propostas concretas que axuden a espertar o entusiasmo pola tecnoloxía e alentar as vocacións tecnolóxicas temperás, principalmente entre as nenas de 10 a 15 anos (5º e 6º de educación primaria e 1º e 2º de educación secundaria –ESO–). Este concurso enmárcase dentro das actividades do oitavo “Día das Rapazas nas TIC” (International Girls in ICT Day), que se celebrará o vindeiro 23 de abril, día no que se fará pública a decisión do xurado do concurso. Este acto celebrarase no CESGA e será retransmitido en directo a través de Internet. Toda a información e instrucións para participar no evento está publicada en www.ictgogirls.eu/dia-rapazas-nas-tic/.

 

O certame trata de escoitar e recoller as ideas das e dos protagonistas para gozar das TIC na aula de forma transversal, variada e inclusiva. Este catálogo de ideas será un recurso de gran utilidade para poder traballar as tecnoloxías de forma amena, principalmente na aula, pero tamén fóra dela, en actividades extraescolares, en familia, etc. Posteriormente, realizarase unha recompilación das mellores propostas e publicarase con licencia aberta para a súa descarga na web do concurso, así como en diferentes repositorios de materiais educativos online.

 

Búscanse propostas divertidas, apaixonantes e innovadoras, que fagan uso das TIC de forma creativa, tanto con software como hardware, onde o uso da tecnoloxía non sexa unicamente o seu obxectivo final, senón un medio, e sexa posible levalas a cabo no contexto escolar (en tempo, orzamento…). 

 

 

Bases e máis información

 

O concurso conta con catro categorías, dúas para estudantes (primaria –equipos de 2 a 6 nenos e nenas de 5º ou 6º, cun mínimo do 50% de nenas–, secundaria –equipos de 2 a 6 rapaces e rapazas  de 1º a 4º da ESO ou bacharelato, cun mínimo do 50% de rapazas– e dúas para adultos (centros educativos e outros centros/institucións). Cada categoría conta cun premio principal e dous accésits.

 

A convocatoria estará aberta para recibir propostas ata o 15 de abril. Toda a información sobre o certame pódese obter na súa páxina web: www.ictgogirls.eu/apuntastech. As propostas deben enviarse a concurso.apuntastech@cesga.gal.

 

A Secretaría Xeral de Igualdade e o Cesga, promotor e coordinador do proxecto europeo “ICT-Go-Girls!: Promoting Entrepreneurship through ICT for Secondary School Girls” (Promoción do emprendemento a través das TIC entre rapazas de educación secundaria), considerado como referente pola propia Unión Europea, levan desde 2013 impulsando e colaborando en diferentes iniciativas para a difusión e promoción das Tecnoloxías da Comunicación e Información (TIC), especialmente para conseguir que as mulleres alcancen unha presenza igualitaria no sector das TIC, mediante accións dirixidas a rapazas entre 10 a 15 anos, franxa de idade que se considera chave para cambiar a tendencia ao rexeitamento das carreiras tecnolóxicas entre as rapazas.

 

Organización e colaboracións

 

O concurso está organizado e promovido polo CPEIG, a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, o CESGA, AMIT e a Asociación.GAL. Conta co apoio de múltiples institucións: Axencia Galega de Innovación, Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, Axencia Galega de Modernización Tecnolóxica, Facultade de Ciencias aEducación e Unidade Woman Emprende da Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo (UVIGO), a Facultade de Informática da Universidade da Coruña (UDC), GalsTech, Hello Sisters! e  MujeresTech.