O CPEIG recibe o premio ás boas prácticas educativas para un uso seguro de internet da AEPD nun acto celebrado no Senado

Fernando Suárez Premio AEPD

No Día Internacional da Protección de Datos, ofrece unha serie de “ciberconsellos” para un emprego correcto da tecnoloxía

 

Protexer as redes sociais, utilizar sempre versións actualizadas, non conectarse a redes públicas, non interaccionar con arquivos adxuntos procedentes de correos descoñecidos ou usar contrasinais complexas e únicas son algúns das principais recomendacións

 

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) foi distinguido co Premio ás Boas Prácticas Educativas en Privacidade e Protección de Datos Persoais para un Uso Seguro de Internet polos Menores da Agencia Española de Protección de Datos (AEPD), galardón que recolleu o seu presidente, Fernando Suárez, no acto de entrega de premios que se celebrou no Senado en Madrid no propio Día Internacional da Protección de Datos [28 de xaneiro]

 

Ver vídeo do acto de entrega de premios 

 

No seu discurso, Fernando Suárez asegurou que formar parte do grupo de gañadores é unha “honra e un privilexio que reafirma aínda máis o compromiso do CPEIG para continuar nesta senda”. Agradeceu sinceramente a distinción á AEPD e deu os seus parabéns ao resto de premiados polo seu gran labor na promoción do coñecemento, investigación e difusión do dereito fundamental á protección de datos.  “Internet representa un mundo enorme de posibilidades para o ocio, as relacións persoais e a aprendizaxe dos máis novos, pero tamén presenta unha serie de risco respecto á protección de datos persoais, a privacidade e a autoprotección, como son os contidos inapropiados ou a facilidade de contacto con persoas que non son sempre quen din ser” –sinalou–.

 

Ademais, o presidente destacou que a informática é decisiva á hora de dar forma ao modo en que se vive e se traballa, polo que se debe atopar a maneira de dotar á mocidade dos medios para dar forma a ese futuro, convencido de que a colaboración entre entidades é a maneira más axeitada para conseguilo. “É hora de educar a unha nova xeración e preparar aos líderes do mañá para ser bilingües en informática”– indicou–.

 

A estratexia de sensibilización do CPEIG, para o uso responsable de internet por parte dos estudantes de Primaria e Secundaria, abarca distintas iniciativas ou programas, sempre en alianza con institucións educativas e tecnolóxicas axeitadas para sumar forzas a favor dunha Sociedade da Información na que a mocidade sexa a protagonista e teña os instrumentos necesarios para evitar riscos e non ser vítimas. 

 

“Estas iniciativas están baseadas en concienciar directamente ao alumnado, desenvolvendo os programas nos propios centros escolares e de forma indirecta a través de proxenitores e profesorado, mediante formación impartida por colexiados e colexiadas do CPEIG” –explica o presidente–.

 

Estas accións do CPEIG articúlanse a través de catro iniciativas principais, que contan cunha longa traxectoria: Navega con Rumbo polo Ciberespazo, Día da Protección de Datos, Concurso literario infantil e xuvenil sobre a protección de datos, e charlas en concellos sobre internet segura e de datos persoais para menores, ademais doutras iniciativas de apoio coas que se pretende implicar a máis axentes políticos e sociais.

 

12.000 menores participaron desde 2010 en “Navega con Rumbo”

 

O programa “Navega con Rumbo polo Ciberespazo” é a actividade formativa principal e con máis traxectoria das desenvoltas polo CPEIG no ámbito da divulgación, implantada hai nove anos en colaboración coa Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia (http://www.edu.xunta.es/navegaconrumbo/).

 

Ademais de ser un mundo de posibilidades para o ocio e a aprendizaxe, internet pode supoñer para os máis novos un risco, polo que “Navega con Rumbo” é unha iniciativa encamiñada a que os escolares fagan un uso responsable da rede, evitando o ciberacoso e outros perigos e dotándoos de ferramentas que lles permitan saber como actuar. Dispón de material didáctico, tres “Guías de Navegación” dirixidas a pais e nais, alumnado e profesorado, ideadas polo CPEIG.

 

No curso 2018-2019 impartíronse 241 sesións formativas sobre privacidade e protección de datos persoais para un uso seguro de internet polos menores en 177 centros educativos de toda Galicia. No que respecta ao número de alumnos e alumnas asistentes, o cómputo global ascende a 12.000 menores formados desde 2010 aproximadamente.

 

Concienciación para incorporarse á cultura da protección de datos

 

Seguindo o seu compromiso de promover a concienciación e adopción de boas prácticas en ciberseguridade, o CPEIG ofrece á cidadanía, no Día Internacional da Protección de Datos que se conmemora hoxe martes 28 de xaneiro, unha serie de “ciberconsellos” para facer un uso seguro da tecnoloxía. Fernando Suárez considera “de vital importancia” que a sociedade galega tome conciencia da necesidade de incorporarse á cultura da protección de datos. 


Estas recomendacións pretenden axudar a todos os usuarios a crear unha primeira e esencial barreira de protección fronte a ciberameazas, con consello xerais sobre como evitar riscos cando se empregan as tecnoloxías:

 

Non interaccionar con arquivos adxuntos procedentes de correos sospeitosos.

Manter o sistema operativo actualizado (software, antivirus...) e non descargar aplicacións estrañas.

Non conectarse a redes públicas e, no seu lugar, empregar unha rede privada virtual (VPN). 

Axustar a privacidade dos perfís en redes sociais.

Ser cauto á hora de conectar dispositivos extraíbles a un equipo cando proveñen de terceiros.

Avisar dos incidentes de seguridade.

Saber que ata os smartphones apagados poden ser rastreados.

Manter todos os plugins e extensións do navegador actualizados.

Usar contrasinais complexas e únicas.

Eliminar documentación sensible dos dispositivos mediante ferramentas de borrado seguro.