A pontevedresa Lucía Rodríguez Peña gaña o concurso de postais de Nadal do CPEIG

Postal Nadal 2019

 

O debuxo deste rapaza de 13 anos será a postal institucional coa que o Colexio felicitará as festas

 

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) fallou o oitavo concurso de postais de Nadal 2019. O xurado do certame acordou, por unanimidade, elixir como postal oficial do CPEIG o debuxo de Lucía Rodríguez Peña, que participou na categoría B dirixida a rapaces de entre 13 e 18 anos. 

 

A postal de Lucía, unha rapaza de 13 anos de Pontevedra, foi presentada polo seu pai, o colexiado Manuel Rodríguez Salgado. O debuxo mostra unha pantalla do scratch, un programa moi utilizado actualmente en educación, na que os botóns aparecen representados polos bos desexos do Nadal: traballo, paz, amor, saúde, felicidade, amizade ou alegría e a tradicional felicitación de Bo Nadal. A pequena tamén engadiu un detalle referente á oitava edición do concurso, escribindo CPEIG 8.0 no encabezado.

 

O traballo de Lucía será a postal oficial coa que o CPEIG felicite as festas do Nadal este ano, acompañada da lenda: Recibe os nosos mellores desexos para este Nadal e o novo ano 2020 que comeza. De agasallo a rapaza recibirá uns auriculares sen fíos.

 

Ademais, nesta edición do concurso creáronse dúas modalidades de participación, a categoría A para nenos de 3 a 12 anos, e a categoría B para rapaces de 13 a 18 anos. Así pois, o gañador da categoría A foi Candela Santiago, unha nena de Ames de nove anos de idade que recibe de premio unha tableta.