O CPEIG recibe o premio ás boas prácticas educativas para un uso seguro de internet da Agencia Española de Protección de Datos

Navega con Rumbo

Foi distinguido pola súa estratexia de sensibilización cos menores de Galicia a través de programas como “Navega con Rumbo”, posto en marcha hai nove anos coa Consellería de Educación

 

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) foi distinguido co Premio ás Boas Prácticas Educativas en Privacidade e Potección de Datos Persoais para un Uso Seguro de Internet polos Menores da Agencia Española de Protección de Datos (AEPD), na modalidade de persoas ou organizacións que promoven e difunden o dereito fundamental á protección de datos persoais entre o alumnado de Educación Primaria, Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional, e contribúen a conciencialo sobre o valor da privacidade e o uso responsable da información de carácter persoal, tanto propia como de terceiras persoas, en internet.

 

A estratexia de sensibilización do CPEIG, para o uso responsable de internet por parte dos estudantes de Primaria e Secundaria, abarca distintas iniciativas ou programas, sempre en alianza con institucións educativas e tecnolóxicas axeitadas para sumar forzas a favor dunha Sociedade da Información na que a mocidade sexa a protagonista e teña os instrumentos necesarios para evitar riscos e non ser vítimas. “Estas iniciativas están baseadas en concienciar directamente ao alumnado, desenvolvendo os programas nos propios centros escolares e de forma indirecta a través de proxenitores e profesorado, mediante formación impartida por colexiados e colexiadas do CPEIG” –explica o presidente, Fernando Suárez–.

 

Estas accións do CPEIG articúlanse a través de catro iniciativas principais, que contan cunha longa traxectoria: Navega con Rumbo polo Ciberespazo, Día da Protección de Datos, Concurso literario infantil e xuvenil sobre a protección de datos, e charlas en concellos sobre internet segura e de datos persoais para menores, ademais doutras iniciativas de apoio coas que se pretende implicar a máis axentes políticos e sociais.

 

12.000 menores participaron desde 2010 en “Navega con Rumbo”

 

O programa “Navega con Rumbo polo Ciberespazo” é a actividade formativa principal e con máis traxectoria das desenvoltas polo CPEIG no ámbito da divulgación, implantada hai nove anos en colaboración coa Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia (http://www.edu.xunta.es/navegaconrumbo/). 

 

Ademais de ser un mundo de posibilidades para o ocio e a aprendizaxe, internet pode supoñer para os máis novos un risco, polo que “Navega con Rumbo” é unha iniciativa encamiñada a que os escolares fagan un uso responsable da rede, evitando o ciberacoso e outros perigos e dotándoos de ferramentas que lles permitan saber como actuar. Dispón de material didáctico, tres “Guías de Navegación” dirixidas a pais e nais, alumnado e profesorado, ideadas polo CPEIG.

 

No curso 2018-2019 impartíronse 241 sesións formativas sobre privacidade e protección de datos persoais para un uso seguro de internet polos menores en 177 centros educativos de toda Galicia. No que respecta ao número de alumnos e alumnas asistentes, o cómputo global ascende a 12.000 menores formados desde 2010 aproximadamente.

 

Actividades en relación á protección de datos

 

Cada ano o CPEIG conmemora o 28 de xaneiro o Día da Protección de Datos, difundindo unha serie de recomendacións para a poboación en xeral e os escolares en particular. O Colexio considera fundamental que a sociedade galega, así como a comunidade educativa, tome conciencia da necesidade de incorporarse á cultura da protección de datos de carácter persoal e da privacidade, e sexan conscientes das oportunidades e riscos de internet.

 

Nesta liña, o CPEIG tamén convoca, xunto á Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, o “Concurso literario infantil e xuvenil sobre protección de datos” o mesmo día da efeméride. Con xa tres edicións ás costas, o certame está dirixido a alumnos e alumnas de 5º e 6º de Primaria e de toda a Secundaria.

 

 

Tamén o CPEIG aposta por impartir charlas itinerantes en diferentes concellos de Galicia sobre a internet segura e protección de datos persoais para menores. En concreto, en 2019 ofreceu conferencias en concellos da área metropolitana de Vigo, e outras con motivo do “Día da Internet Segura” en varias aulas CeMIT de concellos eminentemente rurais, como mostra de compromiso do CPEIG para colaborar na eliminación da brecha dixital e na igualdade de oportunidade no ámbito dixital. Asistiron un centenar de menores, proxenitores, docentes e responsables públicos.