O CPEIG adhírese ao “Contrato para a Web”, unha comunidade internacional de máis de oitenta organizacións

Fernando Suárez

 

O seu obxecto é protexer a Internet aberta, “como un ben público e un dereito básico para todo o mundo”

 

Fernando Suárez, presidente: “Internet é o maior e máis democratizador  e transcendental invento da humanidade”

 

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) adhírese ao “Contrato para a Web”, un portal –https://contractfortheweb.org/– deseñado para unir ás persoas, poñer o coñecemento a libre disposición e salvagardar o futuro da rede. Os representantes de máis de oitenta organizacións internacionais redactaron este documento en nome dos gobernos, empresas e a sociedade civil. No texto, establécense os compromisos que deben guiar as políticas dixitais.

 

O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, sinala que este contrato pretende velar pola evolución de Internet, “o maior e máis democratizador  e transcendental invento da humanidade”. Destaca que a finalidade deste acordo é garantir a neutralidade no uso da rede “como unha forza para o ben”, no que as empresas deberán respectar a privacidade dos datos dos consumidores e os gobernos garantir que todos teñan acceso a Internet.

 

Aínda que ao seu parecer o principio básico para o uso de Internet é o sentido común, Fernando Suárez considera a ética profesional como un dos elementos esenciais para a “consecución e sustentabilidade da sociedade da información e o coñecemento”. Ademais, insiste na necesidade de aplicar principios éticos no ámbito das tecnoloxías da información, sobre todo en aquelas actividades e servizos de interese xeral, sempre buscando o consenso entre todas as partes implicadas e a implantación de mecanismos de autorregulación. Estes eixos de actuación están recollidos no Código Ético e deontolóxico da profesión redactado este mesmo ano polo Consejo General de Colegios de Ingeniería en Informática de España.

 

Neste “Contrato para a Web”, gobernos, empresas –entre as que xa se atopan Microsoft, Google ou Facebook– e cidadáns comprométense con nove principios básicos, cun total de 76 cláusulas, para axudar a protexer a Internet aberta “como un ben público e un dereito básico para todo o mundo”. 

 

Os gobernos deberán comprometerse con tres principios fundamentais:

 

1.     Asegurarse de que todo o mundo poida conectarse a Internet, de maneira que calquera persoa, sen importar quen sexa ou onde viva, poda participar activamente en liña.

 

2.     Facer que a totalidade de Internet estea dispoñible en todo momento, para que a ninguén lle sexa negado o dereito a gozar dun acceso completo a Internet.

 

3.   Respectar e protexer os dereitos básicos da persoas sobre os seus datos e a súa privacidade na rede, para que todo o mundo poida usar Internet libremente de forma segura e sen medo.

 As empresas deberán comprometerse con tres principios fundamentais: 

4.     Facer que Internet sexa accesible e alcanzable para todo el mundo, para que ninguén quede excluído do uso e o desenvolvemento da web. 

5.   Respectar e protexer a privacidade e os datos persoais, co fin de xerar confianza na rede, para que as persoas teñan o control sobre as súas vidas en Internet e que conten con opcións claras e relevantes no relativo aos seus datos e a súa privacidade. 

6.   Desenvolver tecnoloxías que promovan o mellor da humanidade e contribúan a mitigar o peor, para que a Web sexa realmente un ben público onde prevaleza o interese das persoas.

 

A cidadanía deberá comprometerse con tres principios fundamentais:

 

7.   Crear e colaborar na web, para que a web teña un contido rico e relevante para todos.

 

8.   Construír comunidades sólidas que respecten o discurso civil e a dignidade humana, para que todo o mundo se sinta seguro e benvido na rede traballando por unha web máis inclusiva.

 

9.   Loitar pola web, para que siga sendo aberta e un recurso público global para as persoas de todo o mundo, agora e no futuro, mediante o exercicio dunha cidadanía activa na web.