Consellos para mercar por internet no Black Friday e o Ciber Monday

Fernando SuárezAs claves que demostran que unha web é segura son que a dirección comece por HTTS e mostre un cadeado na barra de direccións

 

Recomenda usar ferramentas de pago fiables como PayPal ou tarxetas de prepago

 

Esta semana esténdese a loucura consumista coa chegada do Black Friday (“Venres negro”)  o vindeiro venres 29 de novembro, un día despois de Acción de Gracias que por tradición norteamericana inaugura a tempada das compras de Nadal con rebaixas en todo tipo de produtos. Como complemento a esta data existe tamén o “Ciberluns” (luns 2), coñecido internacionalmente como Cyber Monday e dedicado ás compras por internet.

 

O e-commerce ou comercio electrónico é un sistema de compravenda de produtos e servizos que está cada vez máis de moda e suma adeptos día tras día. Segundo datos da Comisión Nacional del Mercado de Valores (CNMV), un de cada tres galegos merca xa dixitalmente, o que sitúa a Galicia como a segunda comunidade autónoma, xunto a Castela e León, na que máis medran as compras online.

 

O presidente do Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez, sinala que cada vez se compra máis por internet, onde hai gran variedade de opcións, multiplicándose o número de transaccións. Asegura que “si é seguro mercar de forma online”, aínda que indica que tamén hai que ter en conta unha serie de riscos, sen conscientes deles e tomar as pautas de seguridade necesarias. “O máis sinxelo é aplicar o sentido común, desconfiar das gangas e produtos milagrosos, mercar en webs de confianza nas que o vendedor estea identificado cos seus datos de contacto por se é preciso contactar por dúbidas ou devolución do produto” –explica Fernando Suárez–.

 

En concreto, Fernando Suárez indica que as claves que mostran ao usuario que unha web é segura para mercar son que a dirección comece por HTTS –o ‘s’ significa seguridade–,  e mostre un cadeado na barra de direccións, “sinais que garanten que os datos persoais ou bancarios que se transmiten está cifrados e encriptados e polo tanto a información é segura”.

 

Pero o comprador debe ter en conta outros aspectos técnicos para o momento das compras online. O CPEIG asegura que é preciso ter sempre os dispositivos electrónicos “a punto” –ordenadores, móbiles, tablets–, con aintivirus instalados e actualizados para descartar virus capaces de recompilar información persoal ou bancaria do dispositivo. Tamén é recomendable usar unha conexión segura a internet, evitando redes Wifi públicas que non ofrecen ningunha garantía de seguridade. 

 

Unha vez que se atopa o produto desexado, o CPEIG destaca que o consumidor debe revisar a fondo a información desa tenda online: quen somos, domicilio fiscal, investigar que datos recollen dos usuarios e con que fin, formas de pago e política de envío e devolucións. Tamén é recomendable indagar sobre a tenda online en buscadores, redes sociais e foros e revisar as opinións doutros usuarios.

 

Ferramentas de pago fiables como PayPal ou tarxetas de prepago

 

Xa con todo preparado para a compra, o CPEIG recomenda usar ferramentas de pago fiables, como PayPal ou tarxetas de prepago, en vez de dar o número da tarxeta de crédito directamente, aínda que tamén se considera unha práctica segura sempre que a páxina sexa de confianza, ben sexan páxinas de cadeas multinacionais ou do comercio local.

 

“A pesar de todas estas medidas de seguridade, hai moitos compradores que aínda caen nas redes dos ciberdelincuentes que utilizan a enxeñaría social e buscan o punto fraco do comprador, xeralmente con ofertas moi atractivas ao alcance da súa man cun só click” –precisa o presidente–.