O CITIC da Universidade da Coruña acollerá os días 21 e 22 de outubro a quinta edición do evento internacional Big Data

Big Data Coruña

Tralo éxito de participación de pasadas edicións, este ano celebrarase a quinta edición do evento internacional Big Data no Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña (UDC), os días 21 e 22 de outubro (Sala Cloud do CITIC –Campus de Elviña–). 

Big Data Coruña 2019 reunirá a expertos en tecnoloxía e analítica de datos de nivel internacional en dúas interesantes xornadas que afondarán nos novos retos aos que se enfronta esta disciplina na actualidade. Os contidos, ademais de resultar de interese para a comunidade académica, tamén serán atractivos para empresas e organizacións, pois actualmente Big Data é un dos campos que máis interese esperta, tanto pola súa aplicación como pola súa posta en valor nunha ampla variedade de ámbitos. Consultar programa

O evento está organizado por Amparo Alonso-Betanzos, presidenta da Asociación Española para la Inteligencia Artificial, catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da UDC e investigadora do CITIC; e David Martínez, investigador da área Big Data da University College London (UCL) e director da área de investigación de DataSpartan. Colaboran a Rede Galega de Tecnoloxías Cloud e Big Data para HPC, o CITIC da UDC e a Facultade de Informática da Universidade da Coruña. 

O prazo de inscricións estará aberto ata o 18 de outubro a través deste formulario.