Contribución para incrementar o rendemento dixital da Administración e ofrecer mellores servizos á cidadanía

Curso Administración Electrónica

Fernando Suárez: “O rol do cidadán deixa de ser o dun medio receptor, pasando a participar, definir e xestionar os seus servizos no novo concepto de cidadán intelixente ao que nos debemos dirixir”

 

Miguel Ángel Amutio: “España es un referente en Administración electrónica, pero debemos mantener esta dinámica y hacer un ejercicio sostenido en el tiempo”

 

Inauguraron hoxe a novena edición do Curso Superior de Administración Electrónica que se impartirá ata o 22 de outubro na EGAP

 

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) inauguraron o martes 24 de setembro a novena edición do “Curso Superior de Administración Electrónica”. O acto, que estivo aberto ao público en xeral, celebrouse no salón de actos da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) de Santiago de Compostela, presidido pola directora da Amtega, Mar Pereira Álvarez, a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, e o presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo. A continuación, celebrouse un relatorio maxistral, titulado “Presente e futuro da administración electrónica”, impartido polo director da División de Planificación y Coordinación de Ciberseguridad do Ministerio de Política Territorial y Función Pública, Miguel Ángel Amutio; e o analista independente e director de contidos de la revista Retina do xornal El País, Jaime García Cantero.

 

Como xa é sabido, as tecnoloxías da información e a comunicación modificaron substancialmente o paradigma da actividade das Administracións públicas –locais, autonómicas, estatais ou internacionais–. Neste contexto, Fernando Suárez indicou que as Administracións están obrigadas a adaptar os seus modelos organizativos e a relación cos cidadáns, a través de profesionais con competencias para abordar estes cambios de maneira axeitada e eficaz. “A Administración electrónica é unha realidade sociolóxica e política, froito do uso da informática no ámbito público, que ten como principios fundamentais a inmediatez, proximidade, eficacia e transparencia” – explicou–.

 

Fernando Suárez sinalou que esta realidade tamén está apoiada desde o punto de vista normativo, centradas actualmente na consolidación dos medios electrónicos como a pauta xeral na tramitación administrativa. 

 

“Un rexistro electrónico, unha cita automatizada, un padrón de habitantes instantáneo ou o pago dun tributo desde unha web son sen dúbida pasos importantes no camiño da Administración electrónica, pero carecen de sentido se non forman parte dun proceso común, interoperable, seguro e consolidado” –indicou–. 

 

Ademais, Fernando Suárez explicou que non hai que esquecer que o centro de todo este traballo de transformación debe ser o cidadán e os servizos que se ofrecen, actualmente coñecido polo concepto de cidadán intelixente que demanda da Administración os mesmos servizos electrónicos aos que ten acceso no seu banco ou nun establecemento comercial. “O rol do cidadán deixa de ser o dun medio receptor de servizos, pasando a participar, definir e xestionar os seus servizos no novo concepto de cidadán intelixente ao que nos debemos dirixir” –engade–.

 

Mar Pereira subliñou que o acceso dos empregados públicos á formación é chave  para que poidan desempeñar a súas funcións nun contexto dixital e intensificar o uso dos servizos dixitais. Ademais, adiantou que a Administración autonómica contará cun Plan de capacitación dixital do empregado público dirixido a todas as persoas que traballan nas administracións públicas galegas e que permitirá acadar o certificado galego de competencias dixitais.  Sinalou tamén que se está a traballar na concreción deste marco de competencias dixitais, recollido na Lei de Administración Dixital de Galicia (LEDIXGA), e que se prevé que estea regulado no 2020.

 

Sonia Rodríguez-Campos sinalou a importancia da formación do persoal empregado público para poder afrontar os retos tecnolóxicos e normativos que está a supoñer a administración dixital. Finalmente, destacou o éxito desta  convocatoria que recibiu 400 solicitudes para 80 prazas dispoñibles.

 

Tres pilares fundamentais: Marco legal, cooperación e servizos

 

Na súa intervención, o director da División de Planificación y Coordinación de Ciberseguridad do Ministerio de Política Territorial y Función Pública, Miguel Ángel Amutio, explicou que a transformación dixital é un feito “inexorable” que afecta a todos os ámbitos, incluíndo a organizacións, profesionais e cidadáns, aos seus medios e hábitos por razón da omnipresencia da tecnoloxía”. Tamén sinala que para a  Administración é unha oportunidade de transformación, que va máis alá do estritamente tecnolóxico, “para facilitar la aplicación de las políticas públicas en general y de igualdad y alcanzar escenarios de servicios con mayor orientación al usuario”.

 

Amutio sinalou que a transformación global das Administracións implica a persoas, procesos, tecnoloxías e datos, e no caso de España esta estratexia aséntase en tres pilares fundamentais: Marco legal, cooperación e servizos. “España es un referente en Administración electrónica, pero debemos mantener esta dinámica y hacer un ejercicio sostenido en el tiempo”– asegurou–

 

Pola súa parte, o analista independente e director de contidos da revista Retina do xornal El País, Jaime García Cantero, manifestou que xa se ten superado o concepto de transformación dixital, e na actualidade fálase máis de mundo posdixital, “ya que lo digital forma parte de nuestro día a día”. 

 

Formación transversal

 

O Curso Superior de Administración Electrónica pretende afondar, desde unha perspectiva técnico-xurídica, na concepción da Administración electrónica, incidindo na importancia que ten a súa implantación nas distintas administracións da nosa Comunidade. O obxecto é integrar de maneira transversal todos os ámbitos que se relacionan coa administración electrónica: tecnolóxicos, xurídicos, políticos, organizativos e comunicativos, entre outros.

 

Os contidos do programa enfocarán desde distintas perspectivas a administración electrónica para que as persoas ás que se dirixe adquiran ou perfeccionen os coñecementos teóricos e prácticos da informática e do dereito, completando a súa formación no dereito da informática. O presidente do CPEIG sinala que o curso sempre ten una alta demanda de matrículas e conta con profesionais de recoñecido prestixio en cada unhas das materias a abordar no seu transcurso. “Esta formación capacitará a todos os alumnos para implementar proxectos de Administración electrónica, avaliar o seu impacto sobre a calidade dos servizos e para que contribúan a mellorar o rendemento da Administración e as políticas públicas” –apuntou–. 

 

A formación está destinada a persoal empregado público, en situación de servizo activo da Administración autonómica e entidades instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia. Celebrarase de forma semipresencial do 24 de setembro ao 22 de outubro, en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas.