Navantia non rectifica as titulacións para unha oferta de analista na que non se especifica o acceso a enxeñeiros en informática

logo cpeig

O CPEIG considera que a resposta da sociedade pública de construción naval ao escrito de reclamación do colexio profesional prexudica aos colexiados, que ao descoñecer que poden optar ao posto deciden non presentarse

 

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) mostra a súa desconformidade en relación á posición de Navantia –empresa pública de construción naval do Grupo SEPI– sobre unha oferta de emprego como analista de dirección financeira en Madrid, na que non figura a titulación de Enxeñaría en Informática no listado de formación regrada dos requisitos desta oferta pública, vulnerando así o establecido na Lei 40/2015 do Sector Público na que se especifica: “El resto del personal será seleccionado mediante convocatoria pública basada en los principios de igualdad, mérito y capacidad”.

 

O CPEIG presentou hai uns meses un escrito ante o Ministerio de Hacienda no que se solicitaba a rectificación desta oferta, destinada a cubrir un posto con funcións para proporcionar solucións eficaces para as necesidades de análise de datos e xestión de procesos sobre o sistema de información de Navantia. Para optar ao posto, os candidatos deben manexar ferramentas informáticas e uso de volumes elevados de datos, ademais de valorar positivamente o coñecemento a nivel usuario de SAP, ferramentas de xestión de proxectos, financeiras ou contables.

 

Na resposta de Navantia ao escrito de reclamación do CPEIG só se di que se admiten todo tipo de titulacións e que todas as candidaturas serán tidas en conta para o posto de traballo. O Colexio profesional considera que esta postura non evita o prexuízo que se lles causa ao colexiados enxeñeiros en informática, que ao descoñecer que poden optar ao posto deciden non presentarse. 

 

O CPEIG considera indubidable que os enxeñeiros en informática están plenamente capacitados para a realización das funcións definidas neste posto de traballo, sendo o perfil máis apropiado o da enxeñaría en informática.