O CPEIG demanda á Administración que se esixa a titulación de Enxeñaría en Informática para poder concorrer a unhas oposicións

logo cpeig

 

Sinala que esta convocatoria debe rexerse polo criterio de “Idoneidade fronte á exclusividade”, segundo manifestaron xa os tribunais, sempre que a titulación cumpra coas funcións do posto de traballo

 

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) mostra a súa indignación polo exposto nunha convocatoria de oposicións para o corpo facultativo superior da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia –subgrupo A1– da escala de Sistemas e Tecnoloxías da Información, ao non esixir especificamente a titulación de Enxeñaría en Informática para poder concorrer á convocatoria deste proceso selectivo.

 

A convocatoria foi publicada no DOG en marzo de 2018, pero o pasado venres, 19 de xullo, fíxose público o nomeamento de tribunais para esta e outras oposicións. Nestes documentos pódese ver claramente as diferencias existentes, xa que nunha das convocatorias para a escala de enxeñeiros especifícase a especialidade requirida para poder optar ao posto –enxeñaría de camiños, canais e portos–, mentres que na convocatoria concreta da escala de sistemas e tecnoloxías da información non se matiza a titulación, senón que simplemente se di que se debe estar en posesión ou en condicións de obter o título de licenciado ou graduado nunha titulación de calquera rama.

 

Segundo sinala o CPEIG, esta convocatoria debe rexerse polo criterio de “Idoneidade fronte á exclusividade”, é dicir, non todos os títulos oficiais resultan axeitados ou idóneos para o desempeño das funcións dos postos de traballo convocados, senón só aqueles que reúnan un nivel de coñecementos técnicos suficientes, comúns e relacionados coas referidas funcións. Neste caso concreto, o CPEIG sinala que a Xunta de Galicia abriu esta convocatoria a todas as titulacións a pesar de que os tribunais xa obrigaron, en situacións similares, a rexerse polo criterio de idoneidade, sempre que a titulación cumpra as funcións esixidas para o posto de traballo convocado.

 

O CPEIG denuncia esta situación e solicita á Administración Pública que considere a titulación de Enxeñaría en Informática ao mesmo nivel que o resto de enxeñarías. O presidente do Colexio, Fernando Suárez, sinala que a Enxeñaría en Informática é unha profesión que ten un “crecente” impacto na vida das persoas, na creación de riqueza e no desenvolvemento económico do país, sendo “a profesión máis social que existe”.