O CPEIG organiza un taller xuvenil sobre a creación de animación 3D e videoxogos no marco do congreso “Mundos Digitales”

Taller mundos digitales

Celebrarase o vindeiro mércores, 10 de xullo, na Sede Afundación da Coruña

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) organiza un taller xuvenil para descubrir os segredos da creación da animación 3D e os videoxogos. Celebrarase o vindeiro mércores, 10 de xullo, na sala de prensa da Sede Afundación da Coruña (Cantón Grande, 8), de 16:00 a 19:00 horas, dentro das actividades programadas no congreso internacional de animación, efectos visuais e novos media, “Mundos Digitales”, que este ano celebra a súa décimo oitava edición do 11 ao 13 de xullo na Coruña. Esta taller gratuíto forma parte do programa TechKids do CPEIG e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).

O taller, dirixido a rapaces de máis de 14 anos, mostrará todos os trucos e métodos necesarios para poder crear personaxes de animación 3D e efectos visuais feitos por ordenador. Os participantes aprenderán a crear personaxes virtuais, a animación 3D ou os efectos dixitais que se ven nas películas a través de exemplos reais de efectos visuais de todo tipo, pasando pola animación, publicidade, cine ou o mundo dos videoxogos. 

Para inscribirse neste taller, os interesados en participar deben enviar o formulario de inscrición a info@mundosdigitales.org (Descargar formulario de inscrición).