Óscar Blanco, premio PFM por un sistema domótico de eficiencia enerxética que permite automatizar o funcionamento de aparatos

Óscar Blanco

 

Recollerá a distinción na gala da “XI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” o 28 de xuño en Santiago

 

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), no marco dos seus premios anuais da “XI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia”, outorga o “X Premio Proxecto Fin de Carreira/ Mestrado en Enxeñaría Informática” ao enxeñeiro en informática Óscar Blanco Novoa (A Coruña, 1992) polo seu proxecto “Sistema domótico de eficiencia enerxética no fogar con interface de realidade aumentada” como traballo fin de Mestrado na Universidade da Coruña. A  gala celebrarase este venres, 28 de xuño, no Hotel Monumento San Francisco de Santiago de Compostela.

 

O galardón, que ten unha dotación económica de 1.000 euros para o traballo gañador, quere ser un estímulo para os estudantes e recentemente titulados en Enxeñaría en Informática ou Mestrado en Enxeñaría Informática. Ademais, os tres finalistas –o gañador Óscar Blanco Novoa, o segundo clasificado Marcos Horro Varela e o terceiro clasificado Alejo Pacín Jul– beneficiaranse dun ano de colexiación gratuíta. Mediante a organización deste premio, o ente colexial busca achegarse ao colectivo estudantil e defender as vantaxes da colexiación, ademais de estimular o traballo dos estudantes.

 

Neste proxecto, Óscar Blanco Novoa desenvolveu un sistema domótico modular de eficiencia enerxética que permite monitorizar o consumo e automatizar o prendido e apagado de diversos aparatos en base a diferentes parámetros como o custo da enerxía. Ademais, o sistema permite a integración con diferentes sistemas de terceiros mediante a utilización de protocolos e APIs estándar. Tamén desenvolveu unha aplicación de realidade aumentada para as gafas Microsoft HoloLens que permite a monitorización e actuación do sistema, visualización de datos en tempo real e ofrece un modo innovador de interacción co sistema.

 

Óscar Blanco explica que a motivación principal do proxecto xurdiu debido á necesidade, cada vez máis urxente, de ferramentas de planificación enerxética nas cidades. “Desprazar a carga de consumo dunha parte dos aparatos conectados á rede de forma intelixente permite realizar unha produción da enerxía máis eficiente e aproveitar mellor as renovables. Con este obxectivo, en diferentes países, incluído España, fixáronse tarifas enerxéticas, cun prezo que varía cada hora, co obxecto de incentivar o consumo nas franxas de tempo na que é máis barato. Non obstante, estas tarifas demostraron non ser o suficientemente efectivas debido á incomodidade dos usuarios de consultar constantemente os prezos” –sinala–.

 

O premiado sinala que o sistema permite que o usuario poida establecer preferencias como que a lavadora funcione a calquera hora entre as 8 e as 12 e o sistema encárgase de prendela nesa franxa cando se minimiza o custo. Óscar Blanco lembra que este aspecto aínda é máis importante no caso dos coches eléctricos, xa que se a carga se realiza de forma planificada o usuario aforra diñeiro e realízase un aproveitamento máis sustentable da enerxía, favorecendo a carga cando hai exceso de renovables.

 

Por outro lado, gracias á interface de realidade aumentada, o enxeñeiro destaca que se pode interactuar co sistema dunha maneira totalmente diferente. “Coas gafas de realidade aumentada postas pódense ver os historiais de consumo dos aparatos directamente sobre eles e prendelos e apagalos remotamente” –apunta–. Ademais, destaca que este tipo de interfaces, ben executadas, ofrece unha serie de características interesantes que aínda se están explorando, tanto en investigación como na industria, e poden ser máis inclusivas que as tradicionais favorecendo unha interacción máis intuitiva.