Hijos de Rivera recibe o premio Iniciativa Empresarial pola súa transformación dixital para abrir novois camiños innovadores

Hijos de Rivera

 

Recollerá este recoñecemento na gala da “XI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” que se celebrará o 28 de xuño en Santiago

 

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) outorga o premio Iniciativa Empresarial da “XI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” á compañía Hijos de Rivera polo seu proceso de transformación dixital. A gala máis importante da informática en Galicia celebrarase o vindeiro 28 de xuño no Hotel Monumento San Francisco de Santiago de Compostela. Os premios da Noite corresponden a dez categorías onde os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática.

 

A transformación dixital é un eixo estratéxico da compañía Hijos de Rivera, que xira arredor dun Plan Integral de Transformación Dixital que se comezou a executar nos últimos anos co fin de abrir novos camiños de innovación e incrementar a competitividade da empresa. A súa estratexia dixital, de carácter transversal, fundaméntase en diversos pilares, como son a Industria 4.0, Cliente conectado, Intelixencia Artificial (IA) e analítica avanzada, eCommerce, innovación tecnolóxica e talento emprendedor.

 

A compañía considera a dixitalización un proceso 360º, que debe impregnar toda a organización, aplicada desde a automatización e mellora dos procesos internos impulsando a optimización e competitividade, ata o máis importante que son as persoas, o Digital Mindset. Para iso, é moi importante conectar a empresa 4.0 con clientes, consumidores e provedores en base á tecnoloxía.

 

Unha das liñas fundamentais de traballo para a compañía é o Go To Market Digital, enfocada en desenvolver iniciativas que permitan incrementar a presenza dixital e profundar no coñecemento das súas distintas tipoloxías de clientes, para ofrecer servizos máis personalizados e mellorar a experiencia dos consumidores. 

 

En relación á aposta polo talento emprendedor, lanzou recentemente un Programa de Emprendemento Colaborativo chamado TheHop para apoiar startups innovadoras. Diferentes emprendedores traballan cooperando entre si e formando parte do ecosistema de innovación e creación aberta de Estrella Galicia. E hai uns meses esta iniciativa fíxose extensiva a empregados a través do programa de Intraemprendemento, que dá a oportunidade ao empregado a ser el mesmo o emprendedor.