O director da Área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais da AMTEGA, Carlos Vázquez Mariño, premio Traxectoria Profesional

Carlos Vázquez Mariño

 

Liderou proxectos de transformación tecnolóxica nos ámbitos de educación, servizos sociais, emprego, medio ambiente, transporte, infraestrutura e vivenda, agropecuario, forestal e de mar da Xunta de Galicia

 

A distinción entregarase na gala da “XI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia”, que se celebrará o 28 de xuño en Santiago

 

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) concede o Premio Traxectoria Profesional da “XI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” ao director da Área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Carlos Vázquez Mariño. A gala máis importante da informática de Galicia celebrarase o vindeiro 28 de xuño no Hotel Monumento San Francisco de Santiago de Compostela. Os premios da Noite corresponden a dez categorías onde os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática.

 

Coa concesión do premio a Carlos Vázquez Mariño, o CPEIG quere poñer de manifesto a relevancia da profesión informática nos máis altos niveis de decisión e a figura das enxeñeiras e enxeñeiros en informática como responsables da seguridade tecnolóxica nas distintas Administracións Públicas, empresas e outras entidades.

 

Carlos Vázquez Mariño (Lugo, 1975) é licenciado con Grao en Informática pola Universidade da Coruña (UDC), con cualificación de sobresaínte na súa tesina de licenciatura. Iniciou a súa andaina profesional no sector privado en 1998, onde centrou a súa actividade no desenvolvemento de proxectos web, entre os que destaca o inicio da Banca Electrónica dunha importante entidade financeira. En 2001 accedeu ao corpo de profesores de Ensinanza Secundaria na especialidade de informática, e desde ese ano ata 2009 impartiu docencia en ciclos de Formación Profesional da familia da informática en centros de Lugo, Monterroso e Ferrol. 

 

Desde 2009, centrou o seu labor na dirección e xestión, primeiro como subdirector Xeral de Sistemas de Información da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria entre 2009 e 2012, e desde 2012 como director de Área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).

 

Como director da Área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais da AMTEGA, Carlos Vázquez Mariño é un dos responsables dos proxectos de transformación tecnolóxica nos ámbitos de educación, servizos sociais, emprego, medio ambiente, transporte, infraestrutura e vivenda, agrogandeiro, forestal e do mar.

  

Nestes ámbitos liderou proxectos de transformación como o Proxecto Abalar en educación, o Plan Trabe e a Historia Social Única Electrónica en servizos sociais, o Plan e-Mobility en transporte, e o Programa Primare nos sectores primarios, ou proxectos de Compra Pública de Innovación, como o de Inspeccións Intelixentes Avanzadas no ámbito de control da PAC.

 

Fóra do ámbito profesional, Carlos Vázquez Mariño é Cargo Oficial Nacional coas titulacións de director de competición, comisario deportivo, comisario técnico e cronometrador do Comité Técnico de Cargos Oficiais da Real Federación Motociclista Española.